Afundación e o sector pesqueiro e marisqueiro retiraron xa en 2024 máis de 26 toneladas de residuos co proxecto PLANCTON
O proxecto PLANCTON, impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro, suma xa máis de 26 toneladas de residuos recollidas en 2024. Ata o mes de agosto realizáronse 20 limpezas en areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia, coa colaboración de máis de 500 persoas voluntarias e 218 embarcacións. Así mesmo, actuouse en doce concellos: Barreiros, Cambados, Carnota, A Coruña, Ferrol, O Grove, A Illa de Arousa, Muros, Redondela, Ribeira, Sanxenxo e Vigo.
Actualmente e ata o 9 de setembro, na ría de Muros e Noia está a desenvolverse a terceira edición da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», que ten como obxectivo sensibilizar aos turistas que visitan os areais da zona durante a época estival sobre a necesidade de compatibilizar o seu uso recreativo coas actividades socioeconómicas que habitualmente levan a cabo neles. As accións de limpeza renovaranse o próximo 29 de agosto, cunha actuación no areal de Corrubedo, na que participarán como voluntarios estudantes e profesores da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE).
O proxecto PLANCTON, destinado a fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, especialmente nas Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño de Galicia dentro da Rede Natura 2000, é posible, un ano máis, grazas á colaboración de distintos colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas diferentes xornadas de limpeza en fondos e costas.
Deste xeito, a iniciativa, enmarcada na estratexia de sustentabilidade de ABANCA e Afundación e das súas actividades de voluntariado ambiental, é un gran eixo vertebrador de distintos axentes, máis de 35 ata este mes, entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras, asociacións do terceiro sector, concellos, escolares, persoas socias dos espazos +60 de Afundación, o Grupo Naturalista Hábitat, alcanzando, así, un gran impacto en sectores sociais diversos.
A través do proxecto PLANCTON desenvólvense tamén campañas específicas co obxectivo de concienciar sobre a importancia de compatibilizar as actividades relacionadas co turismo, coa conservación da contorna. Así, ademais da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», realizáronse nestes últimos meses cinco vídeos divulgativos para poñer en valor a participación do voluntariado.
Desde o seu inicio en 2021, o proxecto PLANCTON permitiu a retirada de máis de 78 toneladas de residuos de areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia e máis de 5 toneladas de flora exótica invasora. Todo iso, dacordo co compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de maneira especial cos ODS-13 Acción polo clima, ODS-14 Vida submarina e ODS-17 Alianzas para lograr obxectivos.
A iniciativa foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Medio Ambiente nos Premios de CECA e cun Premio Especial na última edición dos Premios Economía Azul da Xunta de Galicia pola súa «importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente».
Imaxes de distintas actuacións en 2024, dispoñibles AQUÍ.
Más detalles sobre PLANCTON