Anabel Alonso chega á Tempada de Teatro de Afundación á fronte do elenco de La Celestina
O vindeiro xoves, 22 de febreiro, polo escenario do Teatro Afundación de Vigo, e dentro da súa Tempada de Teatro, camiñarán a Celestina, Calisto, Melibea e o resto de personaxes creados por Fernando de Rojas a finais do século XV para contar A traxicomedia de Calisto e Melibea. A Celestina, título co que popularizou e chegou ata os nosos días a inmortal obra teatral, chega a Vigo cun elenco no que Anabel Alonso interpreta a casamenteira. Antonio C. Guijosa dirixe esta versión dun clásico que se representa cada tempada en escenarios de todo o mundo.
A Celestina é o terceiro dos espectáculos teatrais programados en febreiro por Afundación en Vigo. Do mesmo xeito que sucedeu cos anteriores, A ilusión conxugal e a aposta por humor de Juan Dávila con A capital do pecado 2.0, o teatro estará repleto. As últimas entradas dispoñibles están á venda en Ataquilla.com.
A Tempada de Teatro está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros nos colectores habilitados ao efecto. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.
Axilidade e dinamismo
O público vigués asistirá a un espectáculo cuxo texto foi adaptado para darlle maior axilidade e dinamismo. De representarse con total fidelidade ao orixinal, a representación duraría máis de catro horas.
A Celestina cóntanos unha historia que comeza co rexeitamento amoroso sufrido por Calisto, un mozo da nobreza namorado de Melibea e quen ,aconsellado polo seu criado, bota man dunha casamenteira para conquistala. A través de artimañas, Celestina consegue que tamén a moza se namore del. Amañado o noivado, xorde o drama: os criados de Calisto matarán a Celestina e serán executados. E Calisto e Melibea tamén se enfrontarán a un destino dramático.
O elenco complétano José Saiz, Víctor Sainz, Claudia Taboada, Beatriz Grimaldos e David Huertas.
Imaxes dispoñibles na seguinte ligazón.
PRÓXIMAS OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO
O mércores 20 de marzo representarase Hechos y faltas, adaptada e dirixida por Bernabé Rico e interpretada por Antonio Dechent, Gonzalo Hermoso e Ángeles Martín. Os autores do texto Jeremy Kareken, David Murrel e Gordon Farrell convidan o espectador a reflexionar sobre a veracidade e a narrativa das noticias que lemos ou escoitamos a diario nos medios, en ocasións alterando e deformando a nosa percepción e coñecemento do mundo.
El novio de España é a seguinte obra, que sairá a escena o xoves 25 de abril. Ano 1952. Tras a Guerra Civil, os exiliados políticos non poden regresar. O recoñecido cantante vasco Luis Mariano está a rodar un musical que protagoniza xunto a Carmen Sevilla. Os dous teñen unha entrañable amizade que non se pode converter en amor polas preferencias sexuais del. Pero Luis está disposto a «heterosexualizar» a súa imaxe e pídelle á actriz que case con el. Ten unha poderosa razón: os seus pais, republicanos exiliados, queren regresar ao seu país, e se para que iso ten que renunciar a si mesmo, farao. Carmen négase a participar nun matrimonio por conveniencia, pero axudarao. O 18 de xullo, nunha festa de Franco, é o momento perfecto.
Isabel Ordaz e Marcial Álvarez estarán en Vigo o xoves 9 de maio para representar La profesora, de Eduardo Galán, baixo a dirección de Carla Nyman. A través da comedia, a obra toca cuestións coma os límites da educación, o poder redentor da cultura e a dificultade da sociedade para aceptar a diferenza e superar os roles de xénero. Ortiz, un peixeiro dun supermercado duns 50 anos, acode a unha titoría para solucionar a situación da súa filla Daniela. O primeiro encontro coa titora, América Alcalá, unha muller de case 65 anos que non se quere xubilar por medo á soidade, resulta un verdadeiro asalto de boxeo.
Finalmente, Lolita Flores poñerá o broche á tempada con Poncia, de Luis Luque (a partir de La casa de Bernarda Alba de García Lorca). Será o mércores 5 de xuño. Dentro dunha tormenta de néboa, Poncia, a criada de Bernarda Alba, reza pola morte de Adela. A casa sumiuse nun mar de silencio. Poncia fala soa e tamén con elas, con Bernarda Alba e as súas fillas.