
Amazing Grace, o documental sobre Aretha Franklin, na Sede Afundación A Coruña
05.10.2020. A Sede Afundación A Coruña acollerá o xoves 8 de outubro, ás 20.00 h, a proxección de Amazing Grace, un documental codirixido por Sydney Pollack e Alan Elliot no que se retratan dous días dun dos concertos máis emblemáticos de Aretha Franklin en 1972. Enmarcada no festival «Elas son artistas», desenvolvido na cidade da Coruña e localidades próximas, esta proxección contribúe a destacar o papel das mulleres na creación artística. As invitacións para poder asistir á proxección de Amazing Grace están xa dispoñibles en Ataquilla.com.
O tráiler da película pódese ver aquí e as imaxes están dispoñibles a través desta ligazón.
En xaneiro de 1972 Aretha Franklin actuou na New Temple Missionary Baptist Church en Watts, Los Angeles, nun concerto de dous días de duración e que daría lugar ao seu disco máis vendido, Amazing Grace. O director Sydney Pollack encabezou entón o equipo de gravación deste evento, cuxo material acabou por non ser utilizado e esquecido en fondos de arquivo. O empeño de Alan Elliot para dar con toda a metraxe contou co apoio de Pollack e, finalmente, unha vez localizado, Amazing Grace viu a luz en 2008 coa codirección de ambos os realizadores.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.