Afundación e Tierra de Hombres presentan na Coruña a exposición colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Fundación Tierra de Hombres presentan na Sede Afundación da Coruña a exposición colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida». Un ano máis, Afundación colabora con este proxecto expositivo colectivo no que participan coas súas obras máis de 50 debuxantes, pintores e escultores galegos para recadar fondos en beneficio do programa «Viaxe cara á vida» organizado pola ONG.
A inauguración da mostra será mañá venres 31 de maio, ás 19.00 h, na sala de exposicións do terceiro andar da Sede Afundación da Coruña.
Na exposición participan artistas coma Olga Comba, Rosa Guisán, Xermán Rodríguez, Ánxeles Pena, Javier Garaizabal, Chelo Ferreiro ou Daniel Muíños, cuxas obras se poderán adquirir para colaborar coa Fundación Tierra de Hombres.
O PROGRAMA «VIAXE CARA Á VIDA»
«Viaxe cara á vida» é un programa sanitario promovido pola Fundación Tierra de Hombres, que facilita desde 1995 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, entre eles Togo, Benín, Mauritania, Senegal, Marrocos e Guinea Conakry, para ser intervidos de diferentes e graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus lugares de orixe por falta de recursos e infraestruturas sanitarias adecuadas. Durante este período foron operados máis de 700 nenos e nenas, máis de cen deles en Galicia, de cardiopatías, queimaduras ou problemas traumatolóxicos e maxilofaciais. No proxecto colaboran de forma altruísta hospitais da sanidade pública e privada (en Galicia, o Hospital Materno Infantil da Coruña, Hospital Clínico de Santiago, o Grupo Hospitalario HM La Rosaleda de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.