
Afundación e Special Olympics Galicia presentan o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2022
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, en colaboración con Special Olympics Galicia, o Festival de Artes Escénicas de Persoas con Discapacidade Intelectual 2022. A Fundación PRODEME será a encargada de inaugurar este festival o mércores 23 de novembro no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela, onde ofrecerán a representación da obra Néboa no bigote, ás 18.45 h. A proposta continuará no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo o 29 do mesmo mes, ás 19.00 h, da man do Centro Méndez Núñez de Pontevedra, quen interpretarán Mulleres. As entradas, gratuítas, están dispoñibles en Ataquilla.com.
Este festival enmárcase na liña estratéxica de impulso social a través tamén da cultura da Obra Social de ABANCA que considera a arte, nas súas diversas manifestacións, como un potente elemento de inclusión social xa que favorece a integración e contribúe a romper estereotipos. Desde Afundación apóianse iniciativas como esta pola súa intensa carga social, artística, emocional e en defensa da igualdade das persoas. Ademais, promóvense e adáptanse os programas didácticos ás capacidades de cada persoa facendo, así, accesibles os contidos e actividades que teñen as persoas con capacidades diferentes como protagonistas, poñendo o foco nas súas habilidades e favorecendo unha visión positiva da sociedade.