Afundación e Special Olympics Galicia presentan o Festival de Artes Escénicas 2024
Afundación, a Obra Social de ABANCA, e Special Olympics Galicia poñen en marcha unha edición máis do Festival de Artes Escénicas Special Olympics. Comezará o vindeiro mércores 15 de maio, ás 18.30 h, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo, coa representación do musical A pequena serea a cargo de ACEESCA. Continuará o mércores 5 de xuño, ás 18.00 h, coa representación de Una historia de amor diferente da man da Fundación Adcor. Os convites gratuítos están dispoñibles na web Ataquilla.com.
Este festival enmárcase na liña estratéxica de impulso social a través tamén da cultura da Obra Social de ABANCA que considera a arte, nas súas diversas manifestacións, como un potente elemento de inclusión social xa que favorece a integración e contribúe a romper estereotipos. Desde Afundación apóianse iniciativas como esta pola súa intensa carga social, artística, emocional e en defensa da igualdade das persoas. Ademais, promóvense e adáptanse os programas didácticos ás capacidades de cada persoa facendo, así, accesibles os contidos e actividades que teñen as persoas con capacidades diferentes como protagonistas, poñendo o foco nas súas habilidades e favorecendo unha visión positiva da sociedade.