Afundación e a USC impulsan un proxecto para mellorar a saúde cognitiva nas persoas maiores
Afundación e a Universidade de Santiago poñerán en marcha un novo proxecto para desenvolver hábitos saudables e estilos de vida que melloren a saúde cognitiva nas persoas maiores, desde unha perspectiva de coñecer para previr e baseado en evidencias empíricas.
«Coñecendo a miña mente» xorde a partir da detección por parte do equipo de traballo do programa de Envellecemento Activo de Afundación dunha preocupación entre as persoas socias dos espazos +60 sobre a deterioración da saúde cognitiva, as demencias, sinais de alarma e estratexias de prevención, á que non dan resposta suficiente os programas de adestramento cognitivo clásicos, comunmente coñecidos como «talleres de memoria».
Así, da man de docentes e investigadores da Unidade de Psicogerontoloxía da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, configúrase un programa en cuxo deseño e contidos participaron as propias persoas beneficiarias e que se está implementando actualmente como proxecto piloto nos espazos +60 Afundación de Santiago e Pontedeume. Tras esta fase que finaliza hoxe, martes 6 de febreiro, en Santiago, cunha última sesión ás 17.30 h, e o 19 de febreiro en Pontedeume, o programa revisarase para adecualo ás melloras propostas polas persoas participantes. Unha vez implementados estes cambios, «Coñecendo a miña mente» programarase nos 11 espazos +60 de Afundación a partir do mes de outubro, tras unha formación previa aos profesionais que impartirán os talleres.
COÑECER PARA PREVIR
Cunha linguaxe adaptada e un enfoque participativo que combina teoría e práctica, o programa ten como obxectivo achegar ás persoas participantes o coñecemento científico sobre a saúde cognitiva, a súa modificabilidade, os hábitos e estilos de vida que axudan a preservala, etc. Así, entre outros contidos, abordaranse os cambios psicobiolóxicos do noso cerebro a medida que envellecemos e os mecanismos compensatorios que desenvolvemos, aprender a distinguir que é esperable e, pola contra, que podemos considerar un signo de alarma, que son as demencias e por que se producen, factores de risco e protectores, o estrés e os seus efectos na saúde cognitiva, a memoria e a atención e estratexias para melloralas, etc. En definitiva, trátase de que as persoas participantes poidan coñecer para previr, desenvolvendo hábitos saudables e estilos de vida que melloran a saúde cognitiva, partindo sempre da evidencia empírica que achegan as investigacións desenvolvidas no últimos anos.
As fotos da sesión de hoxe no Espazo+60 de Santiago de Compostela (Carreira do Conde, 18) estarán dispoñibles esta tarde na seguinte ligazón.