Afundación e a Confraría de San Martiño retiran máis de 3 toneladas e media de residuos de fondos marisqueiros
22.04.2022. Os fondos marisqueiros da contorna da illa de A Toxa, nos concellos do Grove e Cambados, foron o escenario elixido pola Obra Social de ABANCA, para levar a cabo una nova actividade de retirada de residuos, a cuarta no que vai de ano, enmarcada en PLANCTON, o plan de acción territorial no que se levan recollidas xa máis de 25 toneladas de refugallos mariños de diferentes lugares repartidos por toda a xeografía galega.
Foron máis de 140 as persoas voluntarias que participaron nesta nova convocatoria de limpeza, na súa grande maioría mariscadoras da Confraría de San Martiño e voluntarias e voluntarios de ABANCA e Afundación, aos que se sumou tamén o alcalde de Cambados, Samuel Lago. A actividade contou, así mesmo coa colaboración dos Concellos do Grove e Cambados, que achegaron o apoio loxístico na na retirada dos residuos. Os grupos de traballo repartíronse en distintos enclaves, tanto na Illa da Toxa como nas zonas de Correlo e Insuíña. Unha importante cantidade de restos cerámicos, pequenos anacos de vidro e botellas, cordas, cabos, redes e nasas extraviadas durante o exercicio da actividade pesqueira, ademais de tapóns, botes e botellas, envoltorios e outros restos de obxectos plásticos, un zapato e abundantes restos téxtiles foron os obxectos máis destacados de entre o total de lixos retirados ao longo de toda a mañá, así, ata alcanzar as más de tres toneladas e media que reflectíu a pesaxe final.
Coa dobre xornada de hoxe son xa catro as limpezas levadas a cabo por PLANCTON nos fondos marisqueiros da enseada de O Vao, dentro do ámbito de influencia dos concellos do Grove e Cambados, un emprazamento cuns elevadísimos valores económicos, ecolóxicos e ambientais, no que o pasado ano xa foran retiradas máis de dez toneladas de residuos noutra multitudinaria dobre xornada de limpeza convocada pola Obra Social de ABANCA que contara daquela coa participación da práctica totalidade de mariscadoras a pé da confraría, superando as 300 persoas.
Dentro do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, Afundación pretende a través de PLANCTON fomentar a conservación e a sustentabilidade das actividades socioeconómicas levadas a cabo na contorna das áreas de influencia das Zonas de Especial Protección de Aves Mariñas de Galicia (ZEPA) e doutros lugares de interese dentro da Rede Natura 2000.
As imaxes da xornada están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1C5bOV3c1gPbZ3AjuyqU_54ayaNHwHaKH?usp=sharing
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.