
Afundación e a Confraría de Pescadores de Ferrol retiran do mar máis de dúas toneladas e media de residuos
Afundación, Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol conseguiron retirar xa máis de dúas toneladas e media de residuos mariños dos fondos nos que os pescadores realizan a súa actividade diaria. No marco do proxecto PLANCTON, impulsado pola Obra Social de ABANCA, a comezos do pasado mes de xuño instalouse un contedor de 5 metros cúbicos de capacidade no porto de Ferrol, nas proximidades da lonxa, que permanecerá nesta localización ata finais de ano, e que se baleira periodicamente a medida que se vai enchendo de residuos.
Ata o de agora recolléronse, fundamentalmente, restos de cabos, cordas, sedelas e redes enmarañadas, extraviados durante exercicio da pesca. Ademais do seu tratamento por xestores especializados, unha parte das redes recuperadas serán recicladas e transformadas en pezas de tapicería artística da man da polifacética artista Mar Fraga na súa Enmalle Estudo, promovendo así a economía circular e dándolles unha nova vida útil.
Imaxes na seguinte ligazón.
Despois desta última recollida xa son máis de 48 toneladas e media de residuos retiradas polas persoas voluntarias participantes no proxecto PLANCTON, no que a implicación do colectivo de traballadoras e traballadores do mar conta cun papel moi relevante
PLANCTON é parte da estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación, un proxecto que trata de promover entre todos os sectores sociais a actuación responsable para garantir os recursos existentes sen poñelos en risco para as futuras xeracións, en liña co compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de maneira especial cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.