Afundación e o sector pesqueiro e marisqueiro retiran preto de 19 toneladas de refugallos co proxecto PLANCTON
02.12.2021. O proxecto PLANCTON, impulsado durante 2021 por Afundación, a Obra Social de ABANCA, permitiu a retirada de case 19 toneladas de refugallos de areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia. Os resultados deste programa multidisciplinar déronse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; Pedro Otero, o director xerente de Afundación; o patrón maior da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán; a coordinadora xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación, Pilar Alves, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga.
PLANCTON é unha novidosa iniciativa que contou coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e é complementaria ao proxecto LIFE-IP INTEMARES. Os resultados do proxecto, destinado a fomentar a conservación e sostibilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas nas Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000, foron posibles grazas á colaboración de preto de 800 persoas voluntarias de ABANCA e Afundación así como de distintos colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas diferentes xornadas de limpeza en fondos e costas.
Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación enfatizou que: «Sentímonos satisfeitos do desafío que asumimos con este programa, da resposta dos diferentes colectivos que se implicaron, hoxe representados polo patrón maior da Confraría de pescadores da Illa de Arousa, e orgullosos tamén dos resultados alcanzados que son uns excelentes indicadores de que somos unha sociedade comprometida e sensible co coidado do planeta, con moito percorrido e moita marxe de mellora, si, pero con xenerosos seres humanos que valoran o noso contorno, o noso planeta. Sen ningunha sombra de dúbida, para Afundación PLANCTON é un Plan necesario e con futuro, que terá o seu percorrido en 2022. Hoxe facemos un chamamento á acción para que se una a nós calquera persoa ou organización que achegue o seu soño para un mundo mellor».
Pola súa parte, o presidente da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán, incidiu, en representación das distintas entidades participantes, en PLANCTON como «unha experiencia moi necesaria porque o mar é un medio de todos. Todo este lixo que chega aos areais, que literalmente reciben as mariscadoras e tamén todos cando imos ás praias, non empeza nesas praias senón nos fogares e nas redes de sumidoiros. O mar ás veces parece unha alfombra á que lle metemos todo debaixo. E é algo que temos que deixar coidado aos nosos fillos».
Así mesmo, Javier Fraga, director de ABANCA Mar subliñou que o máis importante é «non só recoller, senón a sensibilización de que temos que traballar de forma cooperativa, a nosa colaboración desde ABANCA co sector, do que aprendemos moito, está sen dúbida enfocada a estes obxectivos, formando tamén en sostibilidade económica para que os proxectos vaian adiante. Algo que entendemos tamén fomentando os investimentos sostibles. A recuperación desta crise provocada pola pandemia ten que ser azul, aliñada cos obxectivos de desenvolvemento sostible».
Deste modo, o proxecto PLANCTON, enmarcado dentro da estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación e das súas actividades de voluntariado medio ambiental, foi un grande eixe vertebrador de distintos axentes, 23 en total, entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras, os grupos de Acción Local Pesqueira (GALP), ANMUPESCA, concellos, garda civil e protección civil, diferentes institucións do terceiro sector como Bata, Con Eles ou o Grupo Naturalista Hábitat, ademais do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, entre outras.
Ademais das doce limpezas de residuos realizadas, seis en areais e outras seis en fondos marisqueiros, a través do proxecto PLANCTON puxeron en marcha diferentes medidas relacionadas coa conservación das especies, a minimización de capturas accidentais de aves durante o exercicio da pesca e a implementación de prácticas sostibles nas actividades socioeconómicas relacionadas co sector do mar nas Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño (ZEPA). Todas as accións se complementaron, co obxectivo de espertar unha conciencia sostible na sociedade en xeral, con diversas actividades de sensibilización e formación sobre o valor intrínseco da biodiversidade e da súa conservación e a súa sostibilidade económica, ademais doutras iniciativas de divulgación a través de audiovisuais ou guías de boas prácticas, entre outros.
Como peche do proxecto, esta tarde terá lugar unha xornada divulgativa no Pazo de San Roque de Afundación na que se presentarán estes resultados aos colectivos participantes e representantes do sector. Ademais, o profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela na área de Economía Aplicada, Sebastián Villasante, pronunciará unha conferencia sobre biodiversidade e sostibilidade e Guadalupe Jueguen, secretaria de Amarcarril e a presidenta de ANMUPESCA Rita Míguez participarán nun debate sobre as mulleres do mar e a súa relación coa conservación da biodiversidade.
Na seguinte ligazón están dispoñibles as imaxes da presentación:
https://drive.google.com/drive/folders/10WE7G5FI_PScoXblUbx9sdiDG7TfpuhJ?usp=sharing