
Afundación e ABANCA asinan un convenio co Concello de Allariz mediante o que realizarán a exposición «Fauna esencial»
Afundación, ABANCA e o Concello de Allariz veñen de asinar un convenio de colaboración para a realización da exposición «Fauna esencial». O acto tivo lugar esta mañá e contou coa presenza da alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
«Fauna esencial» inaugurarase o vindeiro 25 de setembro na Casa da Cultura de Allariz, onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 h e de 16.00 a 18.30 h.
A EXPOSICIÓN «FAUNA ESENCIAL»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, «Fauna esencial» inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.
A exposición «Fauna esencial» é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.
Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.