
Afundación renova o seu Padroado, o máximo órgano da entidade, que inicia un mandato de cinco anos
O Padroado de Afundación inicia unha nova etapa por un período de cinco anos, tras finalizar o mandato dos anteriores representantes das distintas entidades que o conforman. Na sesión extraordinaria celebrada esta mañá na Coruña, a súa sede social, ratificouse a continuidade de Miguel Ángel Escotet como presidente e o nomeamento de Santiago Camba Bouzas como vicepresidente. Jesús Navazo Ruiz continuará exercendo como secretario, e Pedro Otero Espinar acode en calidade de director xerente de Afundación
O máximo órgano de goberno da entidade está formado por representantes das sete corporacións locais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, o Parlamento de Galicia, as deputacións provinciais, a Xunta de Galicia, ABANCA e Afundación.
Imaxes da xuntanza, AQUÍ.
Miguel Ángel Escotet presentou ao novo padroado a organización da Obra Social de ABANCA, «en catro áreas: a educación ao longo da vida e nas súas diferentes etapas, os maiores e o envellecemento saudable, a cultura como motor do desenvolvemento persoal e social, e o voluntariado, prestando especial atención aos colectivos vulnerables». O presidente de Afundación engadiu que, «de maneira transversal, implantamos accións de transformación dixital, sostibilidade e de alcance social como constitúe a Universidad Intercontinental de la Empresa».
A Obra Social de ABANCA celebrou en 2024 o seu décimo aniversario, con máis de 14 millóns de persoas beneficiarias. Durante este período, no que se destinaron a investimento social máis de 248 millóns de euros, a entidade practicamente triplicou tanto o seu alcance como a súa actividade e transformou un modelo tradicional de acción cara a un proxecto innovador que dá resposta ás novas tendencias sociais con axilidade, proximidade e flexibilidade, e desde un decidido compromiso coa implicación social.
Afundación está inmersa xa no seu plan de acción 2025, aprobado en Vigo, a súa sede institucional, en decembro de 2024, e ao que se destinarán 24 millóns de euros. Os integrantes do máximo órgano de goberno da entidade abordarán, ademais, neste novo mandato 2025-2030 a redacción do novo plan estratéxico de Afundación.
Composición del Patronato
O padroado quedou constituído polo seu presidente, Miguel Ángel Escotet Álvarez, Santiago Camba Bouzas como vicepresidente, e polos seguintes vogais: José Eduardo Álvarez-Naveiro, Francisco Botas Ratera, María Cadaval Sampedro, José Ramón Conde-Corbal Tejada, María Dolores Dopico Aneiro, Juan Carlos Escotet Rodríguez, Javier Etcheverría de la Muela, Antonio Fuentetaja Cervelo, Silvia García López, Román García Pastur, Pedro Raúl López Jácome, Enrique Lorenzo Vila, Manuel Quintana Martelo, Camilo Riós Gestal, Manuel Tejada Vidal, Berta Veira Fernández e Raúl Velloso Lago. Así mesmo, asisten ás reunións Jesús Navazo Ruiz, como secretario, e Pedro Otero Espinar, como director xerente de Afundación.