Afundación propón en Santiago un ciclo de diálogos para comprender a lonxevidade e o envellecemento
En só un século temos máis que duplicado a esperanza de vida. E esa lonxevidade crece de forma sostida. España está no grupo de países a nivel mundial que conta cunha poboación máis lonxeva e Galicia, en concreto, sitúase no primeiro lugar, sendo a comunidade con maior número de centenarios. De feito, está próxima a sumarse ás cinco zonas azuis do mundo, as de lonxevidade excepcional, entre as que están Okinawa en Xapón ou Sardeña, en Italia. Este é o contexto do que parte o ciclo «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento», unha proposta de Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Sociedade Española de Senescencia Celular (SENESCEL) e ColladoLab.
María Mittelbrunn, investigadora do CSIC, intervirá neste ciclo mañá mércores 10 de xullo ás 18.30 h no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela, nun diálogo con Manuel Collado, tamén investigador do CSIC e membro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. A deterioración na actividade do sistema inmunitario está detrás de moitas das enfermidades que afectan as persoas na vellez. María Mittelbrunn foi pioneira a nivel mundial en recoñecer esta contribución do sistema inmunitario ao envellecemento e na súa intervención abordará como este coñecemento abre a porta á posibilidade de actuar sobre el, reforzándoo e dotándoo dun novo vigor que nos permita envellecer dun modo máis saudable.
O ciclo «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» pretende achegar dunha forma comprensible para o público xeral, nun formato divulgativo, a evidencia científica acerca dos factores que inflúen na lonxevidade, os avances no coñecemento do proceso de envellecemento e as vías que se abren para envellecer con mellor saúde. «Procuramos reflexionar sobre todos estes aspectos relacionados coa lonxevidade e o envellecemento e facelo da man dos maiores expertos en cada campo», sinala Sabela Couceiro, coordinadora da área de Maiores de Afundación. «A ciencia desdeñou durante moito tempo ocuparse do proceso de envellecemento que cría inexorable e no que, por tanto, non tiña sentido investir esforzo; con todo hoxe en día entendémolo mellor e temos probas de que hai marxe para actuar paliando os seus efectos. Non se trata de conseguir pílulas milagrosas que nos volvan inmortais senón de mellorar a calidade de vida a unha idade avanzada.», subliña Manuel Collado, coordinador científico destes diálogos.
En colaboración con ColladoLab e a Sociedad Española de Senescencia Celular, SENESCEL, o ciclo propón coloquios dirixidos a todos os públicos, retransmitidos tamén en directo a través de Afundación Tv, para achegar á sociedade todo este coñecemento. A seguinte cita será no mes de outubro, coa participación de Myriam Gorospe, investigadora española á fronte do laboratorio de xenética no Institute of Aging de Estados Unidos, entidade dedicada á investigación para comprender o envellecemento e prolongar os anos de vida activa e saudable.
María Mittelbrunn
Doutora en Medicina, Bioquímica e Bioloxía Molecular, é desde 2017 a directora do Laboratorio de Inmunometabolismo e Inflamación do Centro de Bioloxía Molecular (Madrid) e investigadora científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Entre as súas contribucións orixinais atópase a demostración de que a deterioración da función do sistema inmunolóxico co envellecemento non só compromete a resposta á infección, o cancro, a vacinación ou predispone á autoinmunidade, senón que tamén aumenta o risco de deterioración cardiovascular, metabólico e cognitivo, colocando así ao sistema inmunolóxico como controlador do envellecemento saudable. Desde 2024, é visiting professor no Centro de Translational Immunology da Universidade de Columbia e o Centro de Lonxevidade Humana da Universidade de Columbia, en Nova York.
Manuel Collado e SENESCEL
Manuel Collado é biólogo molecular e investigador científico do CSIC. Desenvolveu o seu traballo como investigador postdoutoral en Londres e en Nova York. En España desempeñou o seu labor no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) e no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), en Madrid. En 2012 uniuse ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, IDIS, onde dirixe o laboratorio de Senescencia celular, cancro e envellecemento, ColladoLab.
SENESCEL é unha sociedade científica formada por investigadores españois especializados no campo da senescencia celular. Ten por obxecto impulsar o desenvolvemento da investigación científica e tecnolóxica neste campo, organizar actividades formativas e de difusión do coñecemento nesta materia e promover a colaboración entre sociedades deste campo a nivel internacional.
Imaxes dos conferenciantes AQUÍ.