Afundación programa para a súa nova tempada de abono en Vigo 8 concertos de música clásica
Un concerto da Real Filharmonía de Galicia inaugura o vindeiro 11 de xaneiro en Vigo a tempada de abono de música clásica de Afundación. A outra gran orquestra galega, a Sinfónica de Galicia (OSG), pechará a primeira parte da tempada o 30 de maio. Entre ambos os eventos musicais haberá outros 6 concertos. En dous deles dirixirán a Real Filharmonía a directora portuguesa Rita Castro Blanco e a alemá Johanna Malagré. O director Juanjo Mena, que colabora habitualmente coas mellores formacións orquestrais de Europa, dirixirá a OSG no seu concerto de maio.
A venda de abonos para toda a tempada, só a través de Ataquilla.com, comeza mañá, 15 de decembro, e rematará o 31 deste mes. A venda de entradas únicas realizarase a partir do 2 de xaneiro tanto a través de Ataquilla.com como na Sede de Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 26). Os mozos, os maiores de 65 anos e os desempregados terán descontos especiais no prezo dos abonos.
«Viaxe de volta» con Baldur Brönnimann
A Real Filharmonía, co seu director titular Baldur Brönnimann á fronte, presentará en Viaxe de volta, o concerto que abre a tempada de abonos da Obra Social ABANCA en Vigo, un repertorio con cancións de Roberto Gerhard, un dos grandes compositores españois do século pasado. Será o 11 de xaneiro.
Quince días despois, o 26 de xaneiro, será a quenda da directora Rita Castro Blanco. Esta nova promesa portuguesa será a encargada de dirixir a Real Filharmonía de Galicia en Percorrendo a felicidade, con composicións de Mozart, Arthur Honegger e Bohuslav Martinu no programa.
Do piano ao sheng chinés
A solita Judith Jáuregui ―piano―, e a directora alemá Johanna Malagré tocarán como solistas coa Real Filharmonía nos dous concertos programados para o 23 de febreiro e o 7 de marzo.
O 17 de abril, o público poderá desfrutar dos sons chineses do sheng, un instrumento de vento milenario. Chegarán á tempada no Teatro Afundación da man do solista Wu Wei, que acompañá á Real Filharmonía. Na súa longa traxectoria, Wu Wei colaborou con algunhas das mellores orquestras do mundo. O director titular da formación compostelana, Baldur Brönnimann, levará a batuta..
Un maio intenso
Son tres os concertos programados para o mes de maio por Afundación en Vigo. En primeiro lugar será a quenda do Coro da Fundación Princesa de Asturias. Interpretarán un repertorio que inclúe cancións clásicas, música clásica ou música popular. Será o 2 de maio.
O día 23 terá lugar a estrea en España de Herdanza Africana, unha proposta da Real Filharmonía con composicións de tres autoras contemporáneas: a británica Hannah Kendall, a estadounidense Missy Mazzoli e a afroamericana Florence Prince.
A Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de Juanjo Mena e acompañada polo solista de viola Joaquín Riquelme, pecha o 30 de maio en Vigo a primeira parte da tempada de abonos de Afundación. No seu concerto interpretarán composicións de Béla Bartók e Johan Halvorsen.
A tempada de abonos de Afundación enmárcase no programa solidario «Cultura para a Alimentos», desenvolvido por Afundación en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos concertos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores habilitados para tal fin no Teatro Afundación de Vigo.
Imaxes dispoñibles na seguinte ligazón.