Afundación programa na súa Sede de Pontevedra tres espectáculos escénicos ou musicais por semana en abril
Un total de 12 espectáculos musicais, audiovisuais, ou escénicos, conforman a programación de Afundación en Pontevedra no vindeiro mes de abril. Trátase de tres eventos por semana. O público do patio de butacas da Sede da Obra Social de ABANCA na Boa Vila poderá desfrutar do musical sobre Mecano; da segunda proxección do ciclo de cine «Mulleres»; ou de representacións teatrais coma A señorita Xulia, protagonizada por Iria Ares. Haberá, ademais, monólogos con intérpretes coma Touriñán. E os seguidores da música clásica poderá asistir a un concerto diferente, o terceiro dos que forman parte do ciclo «Do silencio á emoción III». A banda de rock e pop Black Stones, unha das máis veteranas da música pontevedresa, subirá ao escenario da Sede de Afundación durante a gala benéfica que organiza a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer y Otras Demencias de Pontevedra (AFAPO) para celebrar o seu vixésimo aniversario.
As imaxes están dispoñibles aquí.
As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com. Algúns espectáculos, coma o ballet O lago dos cisnes xa penduraron o aviso de aforo esgotado.
«Mulleres», gala de AFAPO e El Mago de Oz
A programación de abril comeza coa segunda proxección do ciclo de cine «Mulleres». Despois da exhibició inaugural do ciclo, coa película Maixabel, chega a quenda de Nomadland. A película, da directora chinesa afincada nos Estados Unidos Chloé Zhao, obtivo tres premios Oscar en 2021. Proxectarase o 2 de abril ás 19 horas.
O ciclo ao que está vencellado o pase a de Nomadland foi deseñado por Afundación para promover a difusión das obras audiovisuais feitas por mulleres e con perspectiva feminina. Remata en Pontevedra o día 9 de abril co visionado da película francesa A verdade, dirixida por Hirokazu Koreeda en 2019.
Antes, e durante a primeira semana do mes, o público pontevedrés poderá asistir á gala coa que AFAPO celebra os seus primeiros vinte anos traballando a prol dos enfermos de alzheimer e outras doenzas crónicas. O evento estará amenizado pola música dos Black Stones. Será o día 5.
Da Hija de la luna á Señorita Xulia de August Strindberg
Os seguidores dos musicais terán unha nova cita o 13 de abril. Desta volta, trátase do concerto homenaxe ao grupo pop español Mecano. O título do espectáculo toma o nome cunha das cancións máis importantes do repertorio do grupo madrileño: Hija de luna. Baseado na xira de Mecano Descanso Dominical, o espectáculo leva máis de sete anos en cartel. Soarán os temas clásicos da banda.
E a un clásico musical vaino suceder, na programación, outro clásico, desta volta teatral: a representación de A señorita Xulia, a obra publicada por August Strindberg en 1888 e que xa é un dos grandes textos dramáticos da era contemporánea. Protagonízana o director a actor galego Xoán C. Mejuto e a actriz Iria Ares, tamén galega. Estreada inicialmente en Madrid, a obra é un éxito de crítica e público.
Puro teatro
Catro obras de teatro e un concerto moi especial compoñen a oferta de cultural da Sede de Afundación en Pontevedra na segunda quincena de abril.
O 21 de abril representarase Orgasmos, la comedia. O espectáculo aborda, tamén en ton humorístico, asuntos coma as diferenzas entre mulleres e homes, ou a convivencia en parella.
Antes de que remate o mes, o público poderá asistir a outros tres espectáculos escénicos: a comedia El novio de España, e os monólogos Aquí...Supercentrau, do asturiano Joaquín Pajarón, e Aquí Tou!, do célebre presentador de televisión e actor galego Touriñán. Será nos días 21, 27 e 30 de abril, respectivamente.
Un concerto moi especial
A programación musical de abril complétaa o terceiro concerto da iniciativa de Afundación «Do silencio á emoción III». Co este ciclo, a Obra Social de ABANCA promove a música clásica traballando na consolidación de públicos e na creación doutros novos dun xeito diferente. As barreiras entre o público e os artistas desaparecen nos concertos do ciclo. Ademais, ao comezo da sesión, os asistentes poderán coñecer máis sobre a historia do repertorio en base a un relato ameno e dinámico. E facer preguntas. Ata que a música comece a soar.
Coma no resto de concertos deste ciclo, a música será interpretada pola formación pontevedresa Camerata Arven. Desta volta, o programa inclúe unha soa peza: o Octeto de Franz Schubert en fa maior, D. 803. Camerata Arven é unha formación integrada por músicos afincados na capital da provincia e a súa área de influencia. Traballan para fomentar o interese pola música de cámara. Colaboran ademais, con artistas locais doutras disciplinas: danza, artes plásticas, teatro, etc.
O ciclo «Do silencio á emoción III» forma parte do programa «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal). Os asistentes aos concertos poderán entregar alimentos non perecedoiros no acceso á sede de Afundación en Pontevedra para a súa distribución entre persoas e familias en risco de exclusión.