
Afundación presenta unha serie de funciones familiares por toda Galicia co gallo do Día da Infancia
O Día Mundial da Infancia, que se celebra todos os anos o 20 de novembro, é, segundo UNICEF, un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento. Afundación, Obra Social Abanca, adhírese a esta celebración programando unha serie de espectáculos para desfrutar en familia os días 19 e 20 de novembro. Afundación convida o público a asistir aos diferentes espectáculos que programará nas súas sedes de Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense, a cambio da doazón de alimentos infantís, non perecedoiros, dentro do marco do programa «Cultura por alimentos». Así, o acceso será mediante a doazón de alimentos infantís que irán destinados ao banco de alimentos local. A retirada dos convites será a través de Ataquilla.com.
Lugares, datas e eventos familiares
Concerto Con Fusión de Píscore
Despois de cen funcións co seu primeiro espectáculo Concerto Singular (e Plural), que levou o Premio do Público no Festiclown 2018 e 2019, e foi o espectáculo mellor valorado en Domingos do Principal 2018, Culturactiva Producións e Píscore presentan a súa segunda montaxe, Concerto Con Fusión. Mantendo a anterior e exitosa liña de traballo marcada pola compañía, nesta produción (con)fusiónse música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do público. Cunha marimba como eixe principal do espectáculo, Concerto con Fusión incorpora diversos matices musicais, cunha vocación popular e con cabida para diferentes ritmos, como música latina, rock & roll, reggae, pop ou música disco. Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao palco cos seu instrumentos. O descubrimento dunha marimba e de todas as súas posibilidades fai que o que podería ser un desastre se converta nun divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical. Entre partituras, atrís e baquetas, os catro protagonistas van descubrindo, pouco a pouco, tema a tema, que teñen un pasado en común e unha incrible querenza por facer músicas (con)fusionando estilos.
(Vigo, Auditorio Teatro Afundación, 20 de novembro ás 18 horas; Pontevedra, Auditorio Sede Afundación, 20 de novembro ás 12 horas; Santiago de Compostela, Auditorio ABANCA, 19 de novembro ás 12.00 horas)
Iriña bailarina, de Teatro Ghazafelhos
Un pirata, un xogador de futbolín, unha bailarina de caixiña de música e un único desexo; xogar sen límites para medrar sen medidas. Ghazafelhos propón reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os esterotipos sociais.
Iriña bailarina afonda na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por poder saír do espazo que a obriga a dar voltas sen cesar, para poder xogar ao futbolín, ser pirata ou mesmo, se quere, poder engordar, isto é, para quebrar ou modificar a súa propia sorte ou fado.
(Ferrol, Auditorio Sede Afundación, 19 de novembro ás 17.30 horas; A Coruña, Auditorio Sede Afundación, 20 de novembro ás 12 horas)
O arquivo do chibo de Pablísimo
O arquivo do chibo é unha fabulación libre arredor do conto clásico dos 7 cabuxos e o lobo. Ollaremos nos arquivos do chibo e atoparemos cantigas de lobos esfameados, fábulas de carneiros teimudos e a historia de sete cabuxos desobedientes. Un teatriño con múltiples xanelas e espazos serven de viñetas para contar a xeito de banda deseñada este clásico actualizado, empregando monicreques, xoguetes, sombras... e moita, moita cachifallada.
(Lugo, Auditorio Sede Afundación, 19 de novembro ás 12 horas)
Estrafalaria de Xarope Tulú
Estrafalaria é un espectáculo que combina a narración oral coa manipulación de obxectos onde o público participa activamente do relato. Os personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira.
Os cativos e cativas deben entender a diversidade como algo enriquecedor e imprescindible para que a sociedade evolucione cara ao mundo que queremos, ese no que debería predominar a tolerancia, a solidariedade e a integración. Ese mundo no que como mulleres podemos achegar os nosos coñecementos e ser nós mesmas a cada momento.
Alicia collera por costume escorregar por calquera buraco, sen importarlle o profundo, escuro ou sinuoso que fose. A Carlota déraselle por escoller o seu camiño e embarcarse en aventuras emocionantes que nada tiñan que ver coas dunha princesa. Todo un mundo de fabulosas rarezas!
(Ourense, Aula 1 de Sede Afundación de Ourense, 20 de novembro ás 11.30 horas)