
Afundación organiza «Lideresas á galega» no Espazo +60 Afundación Ferrol no marco do Día Internacional das Mulleres
09.03.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, no marco da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, a mostra «Lideresas á galega», na que 24 mulleres do Espazo +60 Afundación Ferrol protagoniza imaxes xa icónicas que, no seu día, retrataban os líderes mundiais en moi diversos campos. Desde a iconoclasta fotografía de Albert Einstein coa lingua fóra, ata a senlleira captura do bico entre Brézhnev e Honecker pintado tamén no muro de Berlín, ou a imaxe máis popular do Che Guevara. Ana Amado, cantante de lírica e artista visual, é a fotógrafa autora dunha mostra que está organizada por polos IES Saturnino Montojo, Rodolfo Ucha e Carballo Calero de Ferrol e que persegue contribuír á erradicación dos estereotipos de xénero e á perda de visibilidade das mulleres maiores. A iniciativa é parte do programa «O valor da experiencia» da área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como finalidade potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade, favorecer o desenvolvemento de accións interxeracionais e de voluntariado. A mostra estará aberta ata o 11 de abril n horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h. Os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 h.
O material gráfico está dispoñible aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1gLj9oM-9wSn9KPFophq1T3NKOwSec0ln?usp=sharing
Este evento enmárcase na iniciativa solidaria de apoio a Ucraína no marco do proxecto «Cultura por alimentos» que, a raíz do drama humanitario que se vive neste país, se implica tamén coas persoas refuxiadas e a súa cidadanía. Afundación invita os asistentes ao acto a que, seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo, entreguen prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin.
En paralelo a esta mostra, Afundación acolle nas súas sedes de Santiago de Compostela e da Coruña as mostras «Indómitas» e «Mirar de novo. A muller contra o tempo», que trasladan a necesidade de novas relecturas da arte en clave feminina ao tempo que se poñen de relevo os obstáculos aínda presentes para a consecución da igualdade de xénero, propósito do ODS 05, co que está firmemente comprometida Afundación, a Obra Social de ABANCA.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.