Afundación presenta a exposición «Emocións en perigo. Fotografías de Tim Flach», no Museo Nacional de Ciencias Naturais
A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, chega ao Museo Nacional de Ciencias Naturais da man de Afundación, a Obra Social de ABANCA. Ambas as institucións producen e coordinan este proxecto, que tamén conta coa participación de Lunwerg. Desde hoxe e ata o 23 de marzo de 2025, grazas á mostra «Emocións en perigo. Fotografías de Tim Flach» poderase contemplar unha escolma de 45 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos.
O autor das imaxes, o británico Tim Flach, asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza» fixándose un obxectivo claro: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados e salientar a emoción. Flach (Londres, 1956) quere animar a través da súa obra a que sigamos avanzando para converternos nunha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende de iso», defende o fotógrafo e defende Afundación, unha entidade caracterizada polo seu compromiso coa cultura como mecanismo de aprendizaxe e de consolidación de valores imprescindibles para o progreso social.
As imaxes da inauguración están dispoñibles aquí.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Doutoramento Honorífico da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP). Nesta ocasión, Tim Flach estará presente no Museo Nacional de Ciencias Naturais, unha prestixiosa institución que custodia máis de 11 millóns de exemplares nas súas coleccións de historia natural, motivo polo que figura entre os museos máis importantes do mundo nesta área de coñecemento humano. Ademais de dar apoio á investigación, as coleccións do museo teñen como fin principal, compartido cos grandes museos de ciencias naturais, a divulgación científica e a educación do público en xeral. A mostra de Tim Flach enriquécese con exemplares das coleccións s do MNCN de moitas das especies retratadas nas fotografías de Flach. O tigre, o guepardo e o león exhíbense por vez primeira ao público, para o que se someteron previamente a un proceso exhaustivo de restauración. Tamén se poderán contemplar outros exemplares históricos naturalizados como un gorila, un lince ibérico ou unha aguia monera.
En perigo de extinción
A exposición «Emocións en perigo» reúne imaxes do proxecto de Flach «Ameazados», que levou o fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. En lugar de enmarcalos no seu hábitat natural, Tim Flach optou por retratalos sobre fondos neutros, salientando a personalidade de cada especie e mostrando, nalgúns casos, actitudes e emocións que habitualmente asociamos aos seres humanos. «Tratei de tender unha ponte e convidar á igualdade, creando retratos de animais cun estilo de representación, xeralmente asociado cos humanos para salientar o seu carácter e personalidade», sostén Flach. Na sala de exposicións o público terá ocasión de achegarse a este modo de traballo, grazas a un audiovisual que recolle a toma de fotografías no seu estudo con flamencos, guacamaios ou mouchos.
Na exposición, Tim Flach incorpora información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha completa ficha informativa elaborada pola maior organización ambiental de todo o mundo, a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). A información da UICN sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie segundo a lista vermella desta organización. Ademais do nome científico e da zona xeográfica á que pertence cada animal, os retratos están acompañados dun texto explicativo sobre a súa especie.
«Fotografei algunhas das especies máis ameazadas da Terra para este proxecto ―explica Flach―, algunhas icónicas, outras menos coñecidas. Varias son recoñecidas en todo o mundo e é sorprendente atopar estes animais icónicos ao bordo da extinción, animais aínda representados con orgullo en películas e libros, como xoguetes de peluche na colección de animais salvaxes da habitación dun neno». Viaxando ao redor do mundo, a escenarios que van desde o bosque ata a sabana, os mares polares e os grandes arrecifes de coral, o fotógrafo construíu un poderoso rexistro visual de animais e ecosistemas en perigo.
Con esta exposición, que a partir do próximo 3 de outubro se poderá gozar no Museo Nacional de Ciencias Naturais, Afundación incide no seu compromiso coa cultura e a sostibilidade como medios necesarios para a cohesión social. Deste xeito, a Obra Social de ABANCA promove unha oferta programática de acción social, cultural e educativa orientada ao desenvolvemento integral das persoas, de tal forma que os seus proxectos expositivos nacen coa vocación de fomentar o coñecemento e a creatividade a través da cultura, un dereito fundamental que vertebra a actividade de Afundación. O proxecto «Emocións en perigo. Fotografías de Tim Flach» enmárcase dentro destes obxectivos, nunha liña de programación que busca xerar colaboracións con institucións e entidades de referencia en todo o territorio peninsular, como é o caso do Museo Nacional de Ciencias Naturais que, fundado en 1771 e aberto ao público en 1776, é un dos máis antigos do mundo, o que, sumado ao seu impresionante patrimonio ―con máis de 11 millóns de exemplares naturalizados― e a súa vocación divulgativa e científica, convérteo nunha das referencias internacionais ineludibles no seu campo.