
Afundación presenta canda Camerata Arven un ciclo de concertos para redescubrir a música clásica
22.04.2022. Afundación, en colaboración coa Camerata Arven, desenvolverá na Sede Afundación Pontevedra o ciclo de concertos «Do silencio á emoción», cuxo propósito é invitar a redescubrir a música clásica dun xeito diferente, rompendo barreiras entre público e artistas e cunha conxunción multidisciplinar, na que a danza, a pintura, a literatura ou o teatro se fusionan coa música. Con catro concertos programados, o segundo dos recitais terá lugar o 24 de abril ás 12.00 h no Auditorio Sede Afundación Pontevedra. Nel poderase desfrutar dun programa para mozos de 0 a 100 anos con, entre outras, obras como O neno de pao (Toni Cantal), un conto baseado na historia de Pinocho con debuxos en vivo realizados polo artista Marc Taeger. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
O material gráfico e textual está dispoñible aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1rIEQ1fDpY92pq5no3sv76dZQtIGE2f8E?usp=sharing
Ademais, este evento enmárcase no programa «Cultura por alimentos» dinamizado por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
«Do silencio á emoción»
É un ciclo de concertos que invita a descubrir a música clásica desde un punto de vista diferente ao habitual, rompendo barreiras entre público e artistas, cunha programación integrada noutras artes escénicas como a danza, a pintura, a literatura ou o teatro. Ao inicio de cada concerto farase un breve repaso sobre a historia do repertorio dunha maneira próxima que permita desfrutar moito máis do que a continuación se escoitará e no cal o público poderá participar preguntando calquere curiosidade sobre a música, os instrumentos ou a agrupación. A outra novidade de achegar a música ao oínte é dunha maneira máis literal, e será dando a oportunidade a un grupo de persoas de compartir escenario coa propia agrupación, podendo vivir a experiencia de sentar tan preto que poderá ter contacto coa partitura, a agrupación e o resto do público. E todo iso, con catro concertos.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.