
Afundación presenta canda Camerata Arven un ciclo de concertos para redescubrir a música clásica
23.03.2022. Afundación, en colaboración coa Camerata Arven, desenvolverá na Sede Afundación Pontevedra o ciclo de concertos «Do silencio á emoción», cuxo propósito é invitar a redescubrir a música clásica dun xeito diferente, rompendo barreiras entre público e artistas e cunha conxunción multidisciplinar, na que a danza, a pintura, a literatura ou o teatro se fusionan coa música. Con catro concertos programados, o primeiro dos recitais terá lugar o 24 de marzo ás 20.30 h no Auditorio Sede Afundación Pontevedra. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
Desde a Camerata Arven, Dobaño destacou que «hai moita xente a quen lle gusta a música clásica, pero aínda non o sabe. É é porque ás veces parece elitista, por iso precisamos romper esa barreira». Nesa visión participativa incidiu Taeger: «As intervencións coa música permiten saír do traballo do ilustrador e ser parte da banda. Estarei debuxando en tempo real e o público vai poder seguir todo o traballo de preto, sobre o papel, xa que teremos unha cámara cenital». E esta multidisciplinariedade compleméntase coa danza. «Bailar con músicos en directo é moi especial. A nosa principal función é achegar o ballet a todos os públicos. Ás veces vendo danza créase unha distancia e non se entiende o que se ve. No espectáculo comezaremos cun baile sinxelo e evolucionaremos ata o profesional, para ver a danza desde todas as perspectivas», comentou Diego Landín. Marité Cores, pola súa parte, subliñou «a relevancia para Afundación dun ciclo orixinal e arriscado, e á vez necesario para romper as barreiras ou prexuízos cara á música considerada clásica ou culta, utilizando como ferramenta as artes escénicas e visuais».
O material gráfico e textual está dispoñible aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1rIEQ1fDpY92pq5no3sv76dZQtIGE2f8E?usp=sharing
Ademais, este evento enmárcase no programa «Cultura por alimentos» dinamizado por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita a todas as persoas que asistan ao concerto a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo ao recital coa súa entrada e unha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.
«Do silencio á emoción»
É un ciclo de concertos que invita a descubrir a música clásica desde un punto de vista diferente ao habitual, rompendo barreiras entre público e artistas, cunha programación integrada noutras artes escénicas como a danza, a pintura, a literatura ou o teatro. Ao inicio de cada concerto farase un breve repaso sobre a historia do repertorio dunha maneira próxima que permita desfrutar moito máis do que a continuación se escoitará e no cal o público poderá participar preguntando calquere curiosidade sobre a música, os instrumentos ou a agrupación. A outra novidade de achegar a música ao oínte é dunha maneira máis literal, e será dando a oportunidade a un grupo de persoas de compartir escenario coa propia agrupación, podendo vivir a experiencia de sentar tan preto que poderá ter contacto coa partitura, a agrupación e o resto do público. E todo iso, con catro concertos.
O primeiro deles, a Camerata Arven e o Ballet de Galicia (Diego Landín) farán desfrutar a través da música e a danza do Carnaval de los animales. No segundo poderase desfrutar da estrea de Anrewerna Obertura, dedicada á Camerata Arven, do compositor Rubén Martínez Varelles, ademais da Sinfonia n.º I, de G. Mahler, en versión de 14 instrumentos, baixo a dirección do mestre David Fiuza. O terceiro será un programa para mozos de 0 a 100 con, entre outras, obra como O neno de pao (Toni Cantal), un conto baseado na historia de Pinocho con debuxos en vivo realizados polo artista Marc Taeger. No último concerto do ciclo sacarase á luz a incrible música de cámara dos grandes compositores no esquecemento da programación das grandes producións e que, paradoxalmente, son a esencia da música.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.