Afundación presenta en Ourense unha mirada diversa sobre o confinamento en Galicia
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta desde hoxe, martes 5 de xullo, Ourense (avenida de Pontevedra) o seu proxecto cultural «Galicia en vilo. Miradas desde o confinamento» en colaboración co concello da cidade. Unha proposta na que a fotografía tomará o protagonismo para mostrar as realidades do confinamento e a presión en primeira liña sanitaria vividas en marzo de 2020, a raíz da pandemia no momento en que se compren dous anos desta experiencia. Á inauguración desta mañá acudiron Armando Ojea, primeiro tenente de alcalde de Ourense; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación; e os fotógrafos Miguel Muñiz, Brais Lorenzo e Óscar Corral.
A exposición, situada na rúa (avenida de Pontevedra) recolle as imaxes realizadas por sete fotoxornalistas galegos que retrataron o que estaba sucedendo no exterior das nosas casas, exercendo así de notarios da historia para a posteridade.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, destacou como «o fotoxornalismo asumiu a tarefa de mirar e contar. UCIS hospitalarias, vehículos de transporte, funerarias e retallos da vida diaria, pero case en distopía, son algunhas das realidades retratadas nesta exposición. Ao longo de máis de vinte imaxes, podemos volver ver, dous anos despois, o que sucedía nunha das conxunturas máis incribles das nosas vidas. Da man de Miguel Riopa, coordinador da mostra, expóñense as instantáneas de sete profesionais do fotoxornalismo galego, a cuxo pé, eles mesmos, trazan un breve texto contextualizador do momento captado».
Sete fotoxornalistas galegos, Óscar Corral (fotoxornalista de El País Galicia), Mónica Vila (fotógrafa freelance), Agostiño (fotógrafo freelance, actualmente en La Voz de Galicia), Brais Lorenzo (fotoxornalista, habitualmente en EFE noticias e Faro de Vigo), Miguel Muñiz (fotógrafo freelance), Miguel Riopa (fotoxornalista, Agence France - Presse), e Xoán A. Soler (La Voz de Galicia), asinan as imaxes que xa se poden contemplar en Ouresen, na avenida de Pontevedra. Como retratistas da realidade, tomaron o pulso ao que estaba sucedendo no exterior das nosas casas, exercendo así de notarios da historia para a posteridade. Baixo a coordinación de Miguel Riopa, o único profesional autorizado a entrar nas UCI dos centros hospitalarios galegos no punto álxido da crise sanitaria. Esta mostra é tamén unha homenaxe a quen, durante o confinamento, estiveron en primeira liña traballando. Unha das imaxes expostas, asinada por Miguel Riopa, e que reflicte a cariñosa atención dunha sanitaria a unha paciente de coidados intensivos nun centro hospitalario foi incluída por France Press entre a selección de mellores fotografías de 2020.
Para a instalación deste proxecto expositivo, Afundación quería incidir na necesidade de innovar no concepto de exposición e animar a unha maior apertura e difusión. Así, traspásanse as catro paredes nas que tradicionalmente se enmarcan as mostras, e camíñase cara ao espazo común, colaborando a que un maior número de persoas participe da proposta.
A partir da mirada profesional e persoal dos profesionais da fotografía, este proxecto aborda ópticas diversas dun episodio extraordinario. Unha composición visual deste fito histórico, recoñecendo as ambivalencias dunha situación de extrema excepcionalidade e gravidade. Moitas das instantáneas reflicten a crise sanitaria e o inmenso sacrificio dos equipos de traballo no sector e doutros relacionados ou que xogaron un papel especial en tempos de coronavirus, e, ao mesmo tempo, outras moitas reflicten intres de intenso cariño e tempos compartidos.
A entidade internacional Museums Association publicou unha declaración que detalla a maneira en que debe ser abordada a recompilación e divulgación de material documental da COVID-19: «con sensibilidade e respecto». Estes conceptos constitúen o piar ético desta exposición, que nace como unha resposta de Afundación dentro do seu compromiso coa sociedade galega.