Afundación presenta na Coruña unha mostra que viaxa ao interior creativo de Héctor Francesch
Ao longo da súa traxectoria creativa, Héctor Francesch (A Coruña, 1977) asinou unha obra plástica cun orixinal e recoñecible estilo: unha linguaxe visual única no que se observa unha gran riqueza de referentes do cómic, a arte urbana ou a cultura popular. A exposición «Cadros que nunca pintei», comisariada por Matilde Rodríguez, especialista en ilustración contemporánea e xestora cultural, presenta unha coidada selección de 62 pezas creadas por Francesch que son representativas da súa desbordante riqueza creativa. A exposición permanecerá aberta desde hoxe ata o 25 de xaneiro.
Unha escolma das obras pódese ver aquí.
Asegura Matilde Rodríguez que na obra de Francesch as cores e as formas se entrelazan nunha danza de posibilidades infinitas, configurando unha viaxe ao interior da mente creativa, establecendo un percorrido polos símbolos, lugares e personaxes que moran na imaxinación do autor. Continúa a comisaria apuntando que a arte soñada e os propios anhelos creativos do pintor son a premisa de partida. Francesch comparte a súa vivencia de soñar esperto, onde as ideas flúen libres, as composicións se resolven na súa mente e a selección de cores e materiais xorde dun estado de pura intuición. Este proceso de visualización convértese nunha forma de arte en si mesma, un acto introspectivo que lle permite explorar o seu propio universo persoal e os sentimentos que o habitan. «O mundo que pinto mentalmente, ás veces son quen de convertelo en realidade plástica, unha realidade caprichosa feita á miña maneira, que xorde da emoción para converterse nunha filosofía coa única ansia de ver un mundo máis amable, xusto e no que todo é posible».
Unha mostra cunha clara vertente expandida no seu aspecto formal, que experimenta con materiais e formatos sen abandonar o seu particular enfoque gráfico no que combina ingredientes da arte urbana, o deseño e a ilustración, propios da súa formación. Establece así un xogo co que busca simplificar os elementos ao máximo, estilizando os obxectos ata crear pezas abstractas que destacan pola limpeza das composicións con cores vibrantes e liñas definidas.
Desde a súa primeira mostra no ano 1998 na Coruña, a súa produción ten sido parte de múltiples certames, como a IX Mostra Unión Fenosa, o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, no que a súa obra foi adquirida en varias ocasións, ou no VIII Premio Auditorio de Galicia. Ademais, ten participado en feiras coma ArtMadrid ou Swab Barcelona e exposicións nacionais e internacionais, en Europa e América.
As creacións de Héctor Francesch son parte dalgunhas das mellores coleccións de arte de Galicia e de España, entre as que se encontra a Colección de Arte de Afundación, que atesoura obras de Francesch desde hai 19 anos.
«Cultura por alimentos»
A exposición «Cadros que nunca pintei» é parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos», que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. As persoas asistentes poderán deixar produtos non perecedoiros nos colectores instalados para ese efecto cando accedan á Sede Afundación A Coruña.
Programa didáctico para escolares
Co obxectivo de contribuír á divulgación da obra de Héctor Francesch, á vez que utilizala para achegar ás escolares ferramentas de STEAM, investigación, arte e educación en valores, Afundación propón un programa didáctico para escolares e colectivos. A obra de Francesch é especialmente interesante para os escolares pola súa linguaxe pictórica próxima á publicidade, ao cinema e á cultura popular, mesturado coa crítica e a retranca. O humor, o lúdico, o xogo e a memoria colectiva teñen moita presenza no seu traballo.