Afundación presenta na Coruña O mundo está roto, pero pódese camiñar, sobre a superación do dó na infancia
O mundo está roto pero pódese camiñar preséntanos unha nena que perdeu prematuramente á súa nai e, desde entón, está enfadada co mundo. O seu pai non sabe como romper o muro de incomunicación no que se encerrou a súa filla. Buscando solucións, idea un curioso sistema: escribirlle mensaxes en avións de papel que lle lanza cada día desde o balcón e nos que lle encarga pequenas tarefas diarias como, por exemplo, ir devolver un libro á biblioteca… Alí atopará a forza necesaria para reconstruír a súa vida. O mundo está roto pero pódese camiñar é a memoria dunha nena de 10 anos que se reconcilia coa vida e co seu pai, despois de pasar por unha perda traumática.
Esta obra, que se ofrece tamén signada, verana no auditorio da Sede Afundación A Coruña 272 escolares de 6 colexios da Coruña e a súa comarca mañá, martes 29 de outubro, ás 11.00 h.
As artes escénicas para escolares en Afundación
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación, co obxectivo de complementar a formación que os estudantes reciben nas aulas, promovendo unha educación en valores, implicación social, sostibilidade e competencias transversais que potencia o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas contémplanse en Afundación como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais.
Ao longo deste curso escolar 2024-2025, a Obra Social de ABANCA presenta unha programación articulada por sete pezas escénicas, dirixidas a públicos desde infantil ata ESO e bacharelato, que xa conta con máis de 58 500 escolares inscritos dun total de 466 centros educativos.
Toda a información sobre as propostas de artes escénicas para escolares de Afundación está dispoñible aquí.