
Afundación presenta na Coruña o jazz galego máis internacional na terceira edición da súa «Butaca de jazz»
Afundación presenta a terceira edición de «Butaca de jazz» na súa Sede da Coruña. Enmarcado no programa solidario da Obra Social de ABANCA, «Cultura por alimentos», este ciclo musical presenta o mellor jazz galego con proxección internacional para o público que, reconvertendo a súa entrada tradicional polo equivalente en alimentos non perecedoiros acuda aos tres recitais previstos ata o mes de decembro. A reserva de entradas pode realizarse xa en Ataquilla.com. O primeiro concerto correrá a cargo de Paco Charlín e terá lugar o venres 18 de novembro ás 20.30 h na Sede Afundación A Coruña.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Esta nova edición está encadrada no programa de «Cultura por alimentos», mediante o cal Afundación muda a entrada ordinaria aos eventos culturais por unha entrega solidaria de alimentos non perecedoiros que se poderán depositar nos colectores habilitados ao efecto e que logo serán distribuídos polos bancos de alimentos locais.
Esta terceira edición de «Butaca de jazz» segue mantendo o foco no jazz galego máis internacional, combinándoo con outras propostas de fóra de Galicia. Un ciclo de propostas persoais, no que o número tres devén no protagonista absoluto. Nesta terceira edición, preséntanse tres concertos de tres tríos de piano, contrabaixo e batería, poñendo de relevo as inmensas posibilidades alén da coincidencia instrumental. Tres proxectos con tres sons completamente diferenciados.
Nesta ocasión «Butaca de jazz» presentará os recitais de Paco Charlín (venres 18 de novembro, 20.30 h), Nani García (venres 2 de decembro, 20.30 h), e da pianista Lucia Fumero (venres 25 de novembro, 20.30 h).
Paco Charlín, «A Trionic Journey»
Nace en Vilanova de Arousa o 19 de decembro do 1975. A súa formación musical comeza con tan só 8 anos de idade cursando solfexo e baixo eléctrico, pasando máis tarde a formarse en diversas escolas de música como Estudio Escola de Música, (Santiago de Compostela) e a Escola Taller (Pontevedra). No 1996 obtén dúas bolsas da máis prestixiosa universidade de jazz e música moderna do mundo, a Berklee College of Music, trasladándose a Boston, Massachussets (Estados Unidos) para perfeccionar os seus estudos musicais. Destaca mencionar a súa dobre licenciatura en Bass Performance & Jazz Composition (Bachelor of Music) con mención honorífica (Magna Cum Laude), e o premio The Charles Mingus Awardof Outstanding Musicianship, concedidos pola universidade ao músico máis destacado de cada promoción do ano 2000. Ademais, nese mesmo ano participa no XXIV Festival Internacional de Jazz de Getxo, sendo recoñecido co segundo posto.
Profesionalmente, ten gravado discos en diversos estilos musicais, tanto en solitario como sendo parte de proxectos colectivos dos que, por mencionar só uns poucos, podemos referir Clave Naif, e-Baio Ensemble, «Diálogos» (1995); -El KiKi, «Mala suerte» (1996); Abe Rabade Trío, «Babel de sons» (2000), «Simetrías» (2002), «Playing on Light» (2005); -German Kucich/Paco Charlín/Juanma Barroso Trío, «This is new» (2004); -Rodrigo Gonçalves, «Tribology» (2004) ou, os xa máis recentes, Frank Lazy/Paco Charlín/Juanma Barroso «Afrikaria» (2010), Paco Charlín «Flood» (2011), Paco Charlín «Traffic Development» (2012) e Paco Charlín «The Night Queen» (2013). Estes son só unha escolma dos máis de 30 traballos gravados.
Actualmente, compaxina a docencia no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ), impartindo materias como harmonía moderna, ensembles, contrabaixo, baixo eléctrico, técnicas de improvisación, historia do jazz, arranxos, composición, etc., ademais de actuar en diferentes festivais tanto a nivel nacional como nos internacionais.