Afundación prepara a segunda edición do Festival Internacional de Animación «Imaxinaria»
Volve «Imaxinaria», o Festival Internacional de Animación Afundación organizado pola Obra Social de ABANCA na Coruña. Tras a boa acollida do pasado ano, no que o evento sumou máis de 2500 espectadores na súa primeira edición, regresan as proxeccións, masterclass para profesionais, actividades para familias, e encontros con cineastas. A Sede de Afundación acollerá a segunda edición do festival entre o 6 e o 10 de marzo.
A sección oficial de «Imaxinaria», na que participan as películas a concurso, o público poderá ver curtametraxes de animación de autor chegados de todo o mundo. Ademais, o festival dedica este ano a súa sección «Na retina» a unha das figuras máis importantes da historia do cinema: Walt Disney. E faino achegando ao público á que foi a primeira longametraxe dos estudos do creador de Mickey Mouse: Fantasía (1940). A película foi pioneira ao ser a primeira que combinou música clásica e animación.
O Festival Internacional de Animación Afundación «Imaxinaria» é un proxecto creado polo ilustrador e premiado cineasta galego Alberto Vázquez e a xestora cultural Matilde Rodríguez. Afundación aposta por «Imaxinaria» pola súa capacidade de contribuír á vertebración do sector audiovisual galego e, en particular, do cinema de animación da comunidade autónoma. Os profesionais que elixen a animación como linguaxe audiovisual converteron a Galicia nun referente en España para este tipo de cinema. Nos últimos anos ningunha comunidade autónoma recibiu tantos recoñecementos dos Premios Goya entre os seus creadores de cinema de animación.
«Do cómic á animación»: Mattotti, Robot dreams...
«Imaxinaria» ten entre os seus obxectivos o de converterse nun punto de encontro, aprendizaxe e difusión do cinema de animación en Galicia. De aí a aposta por seccións como «Do cómic á animación». Está dedicada a cineastas de animación que proceden do mundo do cómic, unha evolución habitual e natural. A sección protagonízaa este ano un dos autores de cómic máis importantes de Europa nos últimos anos: Lorenzo Mattotti (Italia, 1954).
Mattotti, que acumula unha importante lexión de seguidores e os recoñecementos máis importantes no sector do cómic en Europa, dirixiu en 2019 a súa primeira película: A famosa invasión dos osos en Sicilia. Obtivo nomeamentos no festivais de Cannes ou nos premios César e foi premiada no Festival de Sevilla. O filme proxectarase en «Imaxinaria» e haberá un encontro de Lorenzo Mattotti co publico.
Nesta mesma sección proxectarase a que quizais sexa a película de animación máis importante de 2023 en Europa: Robot dreams. Premiada e/ou nomeada en case todos os grandes certames europeos de cinema nos últimos meses, a cinta dirixida por Pablo Berger ten 4 candidaturas aos Premios Goya e compite por ser a mellor película de animación dos Premios Oscar, cuxo evento de entrega coincidirá no tempo con «Imaxinaria».
Programa familiar
O Festival tamén recupera o seu programa familiar. A fin de semana do 9 e o 10 de marzo haberá proxeccións e actividades para todas as idades e, en especial, para a infancia. E tamén hai un bloque de películas a concurso dirixido ao público familiar. Os menores, tal e como xa sucedeu na primeira edición do evento, poderán participar, co seu voto, no premio do público.
A programación de «Imaxinaria» tamén conta con actividades para profesionais ou outras deseñadas para o público escolar. Más de 600 estudantes de 15 colexios participaron o ano pasado en actividades do festival coa coordinación da Área Educativa de Afundación.
O festival é parte da iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. As entradas para o acceso ás actividades estarán dispoñibles en Ataquilla.com e a recadación destinarase á compra de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Baixas.
Imaxes dispoñibles na seguinte ligazón.