
Afundación organiza un encontro entre escolares e Patricia Gómez sobre as adiccións dixitais
A Sede Afundación Santiago acollerá mañá, 9 de novembro, ás 11.30 h, a conferencia para escolares de Patricia Gómez Salgado, «Sentir, actuar e crecer nas redes», que tamén se poderá seguir a través de Afundación TV. A doutora en Psicoloxía abordará neste encontro os retos que a día de hoxe implica o uso de Internet por parte da adolescencia. Un espazo de conexión, relacións, aprendizaxe e divertimento, pero tamén un escenario que atrae problemáticas que debemos ter presentes para previr. A especialista fala de todo isto neste encontro para escolares a partir de 5.º de educación primaria. As inscricións pódense formalizar aquí.
Este encontro vincúlase á obra de teatro Amantis para escolares. Quen somos?, de onde vimos?, cara a onde imos? A adolescencia é etapa de moitas preguntas e algunhas respostas. As redes sociais tradicionais (familia, amizades, comunidade educativa...) poden axudar con algunhas delas. Pero un dos espazos de interacción e de creación da propia identidade máis potente hoxe para a adolescencia é Internet, en xeral, e as redes sociais dixitais, en particular. Nelas atopamos retos e dificultades clásicas (corte xeracional, construción da identidade, busca de sensacións, balance da autoestima, sentimento de pertenza, busca de popularidade, acoso, sexismo, machismo....), e outras novas (límites da privacidade, hiperconexión, hate, ghosting...), así como espazos para o crecemento, a diversión, a conexión, e tamén a evasión. Que di a mocidade sobre isto? Neste encontro escoitaráselles e reflexionarase de maneira conxunta, pois educar no século XXI implica coñecer este escenario dixital no que todas e todos interpretamos un papel. Promover que o fagan de maneira saudable, consciente, crítica, respectuosa e xenuína é clave para a prevención.
Patricia Gómez Salgado
É doutora en Psicoloxía (2015), Máster en Xestión e Dirección de Centros de Servizos Sociais (2014), Máster en Saúde Pública (2016), e especializada en Educación Emocional (2018). Desde 2012 é parte do grupo de traballo da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde desenvolveu a súa tese titulada O uso problemático da internet e as novas tecnoloxías entre os adolescentes galegos. Desempeñou labores de docencia universitaria na USC, na Universidade de Vigo e na Universidade Internacional de Valencia. E, na actualidade, é xestora de investigación na Unidade de Asesoramento Científico-técnico da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (avalia-t - ACIS).
«Educación século XXI»
A necesidade de consolidar un marco de educación asentado en valores éticos e de comprensión e apoio recíproco de toda a comunidade educativa é un dos principios que se seguen nas actividades didácticas desenvolvidas en Afundación. «Educación século XXI» de Afundación, a Obra Social de ABANCA, é un programa no que se quere destacar a importancia dunha educación asentada en valores no que docentes, nenas e nenos e as súas familias poidan coñecer técnicas, mecanismos e estratexias que favorezan a convivencia na contorna escolar para a consolidación dunha sociedade cohesiva e solidaria na que a igualdade e o respecto sexan os cimentos das relacións interpersoais.
Os contidos están accesibles tamén en diferido e difúndense a través das RRSS da Obra Social de ABANCA, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, provéndoa, así, de ferramentas que contribúan a mellorar a nosa sociedade no seu conxunto.