Afundación amosa na súa Sede de Ferrol os grandes referentes da arte cubana contemporánea
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentou hoxe na súa Sede de Ferrol unha nova proposta cultural de alcance internacional. A partir dun proxecto en colaboración coa Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez e a Fundación Salamanca Ciudad de Cultura y Saberes, preséntase «Sueño de navegante», unha exposición conformada por 44 obras pertencentes a esta importante colección. Estruturada en catro seccións, o director do proxecto, Juan Carlos Moya Zafra, e as dúas comisarias, Yadira de Armas e Ana Gabriela Ballate, concibiron unha exposición enfocada a reflectir a identidade propia da arte actual en Cuba, en relación coas influencias tricontinentais (africana, latinoamericana e europea) dunhas creacións impactantes nos seus formatos, o seu expresionismo e na poesía da súa linguaxe. A mostra estará aberta ata o 5 de xaneiro en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 h, e sábados e festivos de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 19.00 h.
As imaxes están dispoñibles aquí.
De entre a relevante nómina de creadores cubanos presentes na mostra, cómpre destacar a presenza dos catro piares de referencia da arte contemporánea na illa: Roberto Fabelo, Manuel Mendive, Pedro Pablo Oliva e Alfredo Sosabravo, os catro merecedores do Premio Nacional de Artes Plásticas, condecoración que outorga cada ano o Ministerio de Cultura da República de Cuba, e con importante recoñecemento dentro e fóra da illa. A estes súmanselles outros importantes artistas, de ampla traxectoria ou noveis, representados a través dunha selección de obra multidisciplinar: pintura, fotografía, escultura, audiovisual, instalación e outras técnicas mixtas para unha exposición diversa, intensa e de gran beleza.
Luciano Méndez Sánchez comezou a coleccionar arte tras a súa chegada a Cuba, na primeira década do século XXI. Afincado alí desde entón, a súa colección posúe na actualidade máis de 600 obras representativas da creación cubana contemporánea.
A exposición «Sueño de navegante» propón un escenario cunha diversidade de contidos en relación a Cuba, a súa cultura e idiosincrasia, desde unha mirada sociolóxica, antropolóxica e artística con temas referentes á identidade, a racialidade, a insularidade, a migración ou a mestizaxe. Así, as obras desta mostra reúnen a intensidade do potente expresionismo caribeño, combinado cun carácter reflexivo, introspectivo e dunha gran carga emocional. A poesía, o retrato social, a historia e as raíces culturais de Cuba xuntas nun retrato polifónico sobre o seu panorama artístico actual. A diversidade desta colección tradúcese na pluralidade con que se relata a historia do imaxinario individual e colectivo da illa cun xiro á esencia das súas raíces, a revisitación do eu, do soño, así como da propia viaxe que supón a identidade. Deste modo, e a partir destes fundamentos teóricos, a exposición articúlase en catro seccións temáticas ―Identidade e insularidade, Bitácora inconclusa, Herdanza e misticismo e Imaxinar unha illa― nos que asoman tanto os trazos propios, como as conexións con África, Latinoamérica e Europa.