Afundación leva o seu programa de educación emocional «EmocionArte» ao colexio A Purísima de Ourense
Cando o escritor e músico Pedro Feijoo traballa con estudantes adolescentes nas actividades do programa «EmocionArte», entre os participantes hai quen opta por expresar as súas inquietudes ou os seus sentimentos a través da fotografía. Ou do debuxo. Ou da literatura, claro. Asegura Feijoo que os participantes «chegaron a abrirse a tal punto que nos comunicaron desde os seus anhelos máis optimistas ata as súas experiencias máis traumáticas e dolorosas». E entón, é que o obxectivo cumpriuse. As actividades do programa «EmocionArte», con Pedro Feijoo, forman parte da estratexia para a educación emocional na que a Obra Social de ABANCA traballa coas comunidades educativas de centros de ensino secundario de toda Galicia.
O vindeiro martes, 9 de decembro, participarán en «EmocionArte» estudantes de terceiro e cuarto da ESO do colexio A Purísima de Ourense, en dous talleres que terán lugar entre as 10 e as 11 h e de 11.15 a 12.15 h. Será a segunda das sesións do proxecto que se celebra neste centro na que os participantes analizarán como expresar e abordar desde a arte unha situación común que moitos deles poderían vivir nalgún momento, como un desencontro amoroso, asomándose a diferentes formas de abordar e narrar esta situación.
Nas actividades do programa «EmocionArte», Pedro Feijoo facilita un diálogo cos participantes para promover a xestión das emocións a partir da creación. A iniciativa serve para que alumnas e alumnos xeren textos, poemas, cancións, fotografías… e asuman a importancia da expresión na xestión das emocións.
Os programas de fomento da educación emocional desenvoltos por Afundación propoñen unha formación transversal pola que o alumnado aprende a conectar saberes e contextos e prepárase para afrontar retos complexos de maneira integral. Ademais de «EmocionArte», completan o programa o ciclo de conferencias «Educación s. XXI» e o proxecto «O espello de Claude», cuxo facilitador é o psicólogo e fotógrafo Fuco Reyes e no que se exploran aspectos clave na etapa da adolescencia como a identidade, a autoimaxe, a autoestima, ou a xestión das emocións e a motivación a través da fotografía.
Retos e transversalidade
A aposta de Afundación por apoiar á comunidade educativa con actividades dirixidas a reforzar competencias emocionais está relacionada cos retos actuais de profesorado, estudantes, e familias. Desde 2019, os casos de ansiedade e depresión adolescentes incrementáronse en máis dun 70%. Segundo o «Barómetro de Opinión da Infancia e a Adolescencia 2023-2024» de Unicef, máis dun 40% das persoas de entre 13 e 18 anos teñen ou cren que tiveron alteracións na súa saúde mental no último ano.
O equipo da Obra Social de ABANCA desenvolve a programación escolar da entidade co obxectivo de achegar unha resposta coordinada á coincidencia desta crise de saúde mental cunha cada vez maior fragmentación da aprendizaxe. De aí a aposta por actividades transversais que estimulan o pensamento crítico, a comunicación efectiva e a colaboración.