Afundación leva á Coruña «Todas e todos contamos», unha proposta inclusiva para o público escolar
Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base en que se fundamenta a articulación da economía social, desde Afundación, a Obra Social de ABANCA, lánzase unha nova edición do programa «Todas e todos contamos» para todos os centros de Galicia co que, a través de diferentes actividades culturais, o alumnado participa do valor da diversidade. Mañá, mércores 13 de marzo, chegará ao colexio Hijas de Jesús da Coruña, coa participación de 95 escolares do centro.
Esforzo, empatía, aceptación do diferente, reforzo da autoestima ou o respecto son algunhas das ensinanzas presentes na actividade, impartida por persoas con diversidade funcional pertencentes á Fundación Igualarte. A relación que se establece entre alumnos e monitores contribúe a mellorar a sensibilidade afectiva e emocional dos escolares, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa, e facilitar o establecemento de relacións interpersoais.
Imaxes do programa, dispoñibles nesta ligazón
Esta anovadora proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con diversidade funcional e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade.
As propostas
«Todas e todos contamos» artéllase en varios obradoiros que cada centro escolar pode escoller.
Para infantil e primeiro de primaria está pensado o contacontos «A familia». Nárrase un conto creado pola Fundación Igualarte, de maneira teatralizada, ademais de signar as partes máis fundamentais (familiarización co uso da lingua de signos). A historia trata das diferentes familias coas que nos podemos atopar (monoparentais, numerosas, dous pais, dúas nais...).
Unha vez escoitado o conto, realizase a actividade «Creando a miña familia». Cada nen@ debuxará as persoas que conforman a súa familia, uníndoas a todas para crear un móbil colgante. Desta maneira poderán ver que cada familia é diferente pero igual de marabillosa.
Para segundo, terceiro e cuarto de primaria desenvolveuse o «Circuíto circense». Nun espazo amplo crean o seu propio circo. Colócase un circuíto con diferentes estacións nas que os alumn@s terán que realizar actividades de equilibrio, puntería e acrosport. Así mesmo, caracterízanse de diferentes personaxes con perrucas e outros complementos, tendo que realizar unha pequena representación de cada un/a. As actividades circenses destacan polo seu carácter innovador e motivador. Fomenta valores educativos como a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites.
Para quinto e sexto de primaria ofrécese «Globoflexia». Explícase aos estudantes os inicios e principios da globoflexia, unha técnica artística para facer diferentes figuras con globos, utilizando a torsión como elemento moldeador das figuras. Implementar a globoflexia na área educativa permite fomentar a creatividade e a imaxinación para obter formas complexas e orixinais. Algúns dos beneficios que achega son: aumento da motricidade, desenvolvemento da imaxinación e a creatividade, traballo coa respiración, a toma de conciencia da mesma e a atención, fomentar a concentración e promover o traballo en equipo. Na parte práctica ensinaranse algúns pasos básicos como inchar os globos e facer figuras básicas. Unha vez realizada a primeira toma de contacto, divídense en grupos e cada un realiza unha gran figura composta.
Para o alumnado de primeiro e segundo de ESO proxectaranse dúas curtas. Con lupa é unha historia cotiá e íntima, construída sobre os xestos e o silencio, ou dito con máis precisión, sobre os silencios. Preséntanse un catálogo de miradas que revelan a incomodidade de cada situación descrita, en cada unha destas miradas xacen os nosos prexuízos e medos.
Por iso narra a historia dunha moza con diversidade funcional que ten a inquietude de prolongar os seus estudos e acode a inscribirse nun ciclo medio. Con todo, cando chega á secretaría do centro educativo atópase con barreiras inesperadas. Esta curtametraxe trata de reivindicar a igualdade de oportunidades educativas.
Unha vez realizado o visionado ábrese un pequeno debate sobre as mensaxes ou as reflexións extraídas da curta. Para estes debates cóntase con algúns actores ou actrices protagonistas. A modo de peche cada moz@ realiza unha colaxe na que plasma os coñecementos e aprendizaxes tratados.
«Todas e todos contamos» nace para converterse nun referente de boas prácticas aliñado cos valores de sensibilización social no marco dos centros escolares. O seu desenvolvemento o leva a cabo Afundación, a Obra Social de ABANCA, e conta coa colaboración da Fundación Igualarte dedicada a traballar a prol do colectivo de persoas con diversidade funcional e a súa inclusión.