Afundación leva a Ourense «Todas e todos contamos», unha proposta inclusiva para o público escolar
Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base en que se fundamenta a articulación da economía social, desde Afundación, a Obra Social de ABANCA, lánzase unha nova edición do programa «Todas e todos contamos» para todos os centros de Galicia co que, a través de diferentes actividades culturais, o alumnado participa do valor da diversidade. Mañá, mércores 7 de febreiro chegará ao CPR plurilingüe la Purísima de Ourense, coa participación de máis de 100 escolares do centro. O vindeiro 19 de marzo poderán disfrutar do programa outros 130 estudantes do Colexio Marista Santa María de Ourense.
Esforzo, empatía, aceptación do diferente, reforzo da autoestima ou o respecto son algunhas das ensinanzas presentes na actividade, impartida por persoas con diversidade funcional pertencentes á Fundación Igualarte. A relación que se establece entre alumnos e monitores contribúe a mellorar a sensibilidade afectiva e emocional dos escolares, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa, e facilitar o establecemento de relacións interpersoais.
Imaxes do programa, dispoñibles na seguinte ligazón.
Esta anovadora proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con diversidade funcional e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade.
As propostas
«Todas e todos contamos» artéllase en varios obradoiros que cada centro escolar pode escoller.
Para infantil e primeiro de primaria está pensado o contacontos «A familia». Nárrase un conto creado pola Fundación Igualarte, de maneira teatralizada, ademais de signar as partes máis fundamentais (familiarización co uso da lingua de signos). A historia tratará das diferentes familias coas que nos podemos atopar (monoparentais, numerosas, dous pais, dúas nais...).
Unha vez escoitado o conto, realizarase a actividade «Creando a miña familia». Cada nen@ debuxará as persoas que conforman a súa familia, uníndoas a todas para crear un móbil colgante. Desta maneira poderán ver que cada familia é diferente pero igual de marabillosa.
Para segundo, terceiro e cuarto de primaria desenvolveuse o «Circuíto circense». Nun espazo amplo crean o seu propio circo. Colócase un circuíto con diferentes estacións nas que os alumn@s terán que realizar actividades de equilibrio, puntería e acrosport. Así mesmo, caracterízanse de diferentes personaxes con perrucas e outros complementos, tendo que realizar unha pequena representación de cada un/a. As actividades circenses destacan polo seu carácter innovador e motivador. Fomenta valores educativos como a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites.
Para quinto e sexto de primaria ofrécese «Globoflexia». Explicarase aos estudantes os inicios e principios da globoflexia, unha técnica artística para facer diferentes figuras con globos, utilizando a torsión como elemento moldeador das figuras. Implementar a globoflexia na área educativa permite fomentar a creatividade e a imaxinación para obter formas complexas e orixinais. Algúns dos beneficios que achega son: aumento da motricidade, desenvolvemento da imaxinación e a creatividade, traballo coa respiración, a toma de conciencia da mesma e a atención, fomentar a concentración e promover o traballo en equipo. Na parte práctica ensinaranse algúns pasos básicos como inchar os globos e facer figuras básicas. Unha vez realizada a primeira toma de contacto, dividiranse en grupos e cada un realizará unha gran figura composta.
Para o alumnado de primeiro e segundo de ESO proxectaranse dúas curtas. Con lupa é unha historia cotiá e íntima, construída sobre os xestos e o silencio, ou dito con máis precisión, sobre os silencios. Preséntanse un catálogo de miradas que revelan a incomodidade de cada situación descrita, en cada unha destas miradas xacen os nosos prexuízos e medos.
Por iso narra a historia dunha moza con diversidade funcional que ten a inquietude de prolongar os seus estudos e acode a inscribirse nun ciclo medio. Con todo, cando chega á secretaría do centro educativo atópase con barreiras inesperadas. Esta curtametraxe trata de reivindicar a igualdade de oportunidades educativas.
Unha vez realizado o visionado abrirase un pequeno debate sobre as mensaxes ou as reflexións extraídas da curta. Para estes debates contarase con algúns actores ou actrices protagonistas. A modo de peche cada moz@ realizará unha colaxe na que plasmará os coñecementos e aprendizaxes tratados. A maiores poderíaselles dar a oportunidade de expoñer este traballo ante @s compañeir@s.
«Todas e todos contamos» nace para converterse nun referente de boas prácticas aliñado cos valores de sensibilización social no marco dos centros escolares. O seu desenvolvemento o leva a cabo por Afundación, a Obra Social de ABANCA, e conta coa colaboración da Fundación Igualarte dedicada a traballar a prol do colectivo de persoas con diversidade funcional e a súa inclusión.