Afundación invita entidades sociais a se sumaren ao programa «Coñecendo as emocións»
Entidades sociais de distintas localidades galegas, principalmente vinculadas ao ámbito do envellecemento activo, participaron hoxe na xornada «Ferramentas para o benestar ao longo da vida. Coñecendo as emocións». Convocada por Afundación, a Obra Social de ABANCA, abordou a importancia de desenvolver recursos psicolóxicos para a xestión emocional co fin de favorecer un bo envellecemento. Neste sentido, Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, que é tamén catedrático emérito en Psicoloxía da Universidade de Texas, en Austin, subliñou durante a inauguración que «tan importante como o aspecto físico e cognitivo é o coidado das emocións, un ámbito que parece non ter un lugar propio nos programas de envellecemento activo. ‘Coñecendo as emocións’ é unha proposta innovadora –engadiu–, testeada e implementada nas súas tres edicións, que hoxe queremos compartir con outras entidades sociais».
Adquirir competencias emocionais, tamén despois de cumprir máis de 60 anos, é unha ferramenta de extraordinaria utilidade para a mellora do benestar. Así se desprende da investigación dos resultados do proxecto «Coñecendo as emocións», de Afundación, desenvolto en colaboración con Matia Instituto, entidade de referencia en España na materia e con máis de 20 anos de traxectoria, que se presentaron durante a xornada de hoxe. Coa evidencia empírica do seu impacto positivo, o encontro serviu para compartir estas aprendizaxes e metodoloxía con distintas entidades, principalmente as vinculadas á promoción dun envellecemento activo e saudable. A Obra Social de ABANCA convida, así mesmo a incorporar este programa nas súas organizacións, co acompañamento dos profesionais da entidade.
A investigadora de Matia Instituto e coautora do programa, Sara Marsillas, e o investigador de Afundación, Xosé Lois Liñares, sinalaron que «as persoas participantes proceden dunha xeración na que a atención ao emocional quedaba diluída pola necesidade inmediata do material durante períodos críticos para o benestar físico. É agora, cando ese aspecto xa está cuberto, cando poden, finalmente, atender as súas emocións».
Pola súa banda o catedrático de Psicoloxía da Universidade Rey Juan Carlos e vicepresidente de Xerontoloxía da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía, Andrés Losada puxo de relevo que «as persoas maiores informan de media de máis experiencias positivas que os mozos, a pesar das perdas asociadas ao envellecemento. Se se atopan mellor que as novas xeracións, entón é que ocorre algo que lles axuda a sentirse así de ben, o que reflicte unha mellor regulación das emocións. Como inflúen as emocións en como sentimos e nos comportamos? Segundo evolucionamos na vida, imos dando conta do que é realmente importante. Segundo envellecemos, imos dedicando máis tempo ao que é importante, polo que reducimos o tempo que lle dedicamos a cousas que non nos gustan».
Finalmente as distintas persoas facilitadoras do programa, Mercedes Garnelo Prezado, Laura Gómez Lorenzo e Ana Doval, do equipo de Afundación, e Maxi Rodríguez (AFAGA), María Solla (AFAPO) e Jennifer Souto incidiron os beneficios do programa para a toma de conciencia e comprensión. A partir do traballo das sesións as persoas participantes poñen atención a como actúan, como se falan a si mesmas, os seus sentido de responsabilidade e como abordan situacións potencialmente incomodas. Para iso, embárcanse nun camiño de aprender e desaprender, de identificación de crenzas limitantes, de experimentación novos modos de pensar, e de establecemento de rutinas gratificantes.
Imaxes da xornada e a presentación do programa están dispoñibles na seguinte ligazón.
PREVIR E REPARAR
Os resultados do proxecto, testado entre as 71 persoas que participaron na súa primeira edición, indican que a formación para a mellora das competencias emocionais é un instrumento útil que, desde a prevención, contribúe tanto a preservar un bo estado de benestar psicolóxico como a melloralo cando se parte dun estado menos óptimo. Así se desprende da valoración realizada con cada participante antes e despois do desenvolvemento do programa.
O traballo desenvolvido durante o programa achegou ás persoas participantes ferramentas para mellorar a xestión emocional. A medición de resultados empregando a Escala de Benestar psicolóxico de Ryff e a Trait Meta Mood Scale-24, que permite valorar os avances nesta materia, indica que o 86 % das persoas participantes obtivo resultados positivos e 2 de cada 3, un 69 %, mellorou o seu benestar.