
Afundación inicia na Illa de Arousa unha campaña para sensibilizar o turismo sobre prácticas sostibles
Afundación, a Obra Social de ABANCA, puxo en marcha esta mañá unha nova edición da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», unha iniciativa que ten como obxectivo sensibilizar os turistas que visitan durante o verán os areais de Galicia sobre a necesidade de compatibilizar, con boas prácticas, o uso recreativo das praias coas actividades socioeconómicas que se desenvolven nelas, como é o caso do marisqueo a pé.
A campaña, enmarcada nas accións que desenvolve a Obra Social de ABANCA dentro do seu programa PLANCTON, conta coa colaboración dos concellos da Illa e Vilagarcía de Arousa, así como tamén das mariscadoras da Confraría de pescadores da Illa de Arousa e da Asociación de Mariscadoras de Carril.
Esta segunda edición de «Goza da praia sen deixar pegada» arrancou hoxe no espazo protexido Rede Natura 2000 ZEC-Punta Carreirón, na entrada que dá acceso á praia de Xestelas na Illa de Arousa, onde se instalou unha exposición con paneis informativos nos que se recollen distintos consellos sobre boas prácticas no uso e gozo dos areais.
No inicio da campaña participaron mariscadoras da Illa de Arousa, que transmitiron persoalmente aos turistas que se achegaron esta mañá aos areais próximos e a súa visión sobre a importancia de compatibilizar o uso recreativo e socioeconómico destes enclaves costeiros, que poida garantir a conservación do contorno e preservar o seu medio de vida. Ademais, co fin de reducir a cantidade de residuos nas praias, as traballadoras do mar repartirán tamén entre os visitantes bolsas de tea reutilizables e cinceiros portátiles (unha soa cabicha contamina entre 8 e 10 litros de auga salgada e ata 50 de auga doce).
Esta campaña «Goza da Praia sen deixar pegada» é outra das liñas de actuación que Afundación puxo en marcha, con moi boa acollida na súa estrea o pasado ano, no marco do programa PLANCTON, un plan de conservación territorial que leva retiradas xa das costas e fondos de toda Galicia case 45 toneladas de lixo mariño, e cuxos principais obxectivos, que o levaron a ser recoñecido cun premio especial na última convocatoria dos premios Economía Azul impulsados pola Consellería do Mar, son o fomento da conservación e da sostibilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en enclaves costeiros con elevados valores medioambientais, como o espazo protexido de Punta Carreirón onde se iniciou hoxe, promovendo á súa vez entre a sociedade, formas de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as futuras xeracións. Todo iso acorde ao compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fundamentalmente os ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.
A exposición permanecerá na Illa de Arousa ata o día 31 de xullo, día no que se trasladará á praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, onde permanecerán ata o 11 de setembro. Nese momento, as mariscadoras da Asociación de Mariscadoras de Carril tomarán o relevo nas tarefas informativas dirixidas aos turistas que visiten este concello.
As imaxes da xornada están dispoñibles na seguinte ligazón.