Afundación inaugura o Nadal coa exposición do 58 concurso de beléns na súa sede de Vigo
A partir de mañá venres 1 de decembro poderase gozar na Sala de Exposicións I da Sede Afundación de Vigo da mostra de todos os beléns que se presentaron á 58 edición do Concurso de beléns de Afundación. Do 1 ao 18 de decembro estará aberta todos os días de 17.00 a 20.30 h; desde o 19 de decembro ao 7 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h. O 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, pechado. O 5 de xaneiro, pechado en horario de tarde.
O Concurso de beléns de Afundación é un referente na tradición cultural do Nadal en Galicia. Na categoría xeral, as gañadoras resultaron José María Sánchez e Cris Macías; o segundo recaiu en María Luisa Rodríguez Balo; e o terceiro, en Genaro Alonso Martínez.
Na categoría para colectivos formados por menores de 16 anos, o xurado decidiu conceder o primeiro premio á Asociación Aboal; o segundo, ao belén presentado por Obradoiro Fósil, e finalmente, o terceiro premio ao CPR San José de Cluny.
Os accésits distinguiron ao Obradoiro Martín Códax, Afaga Alzheimer, Andrea Barbeito Rebolo, Asociación ASPANAEX, Sonia Caribia Torres, Miguel Ángel Sousa Fernández y CPR Menela.
O xurado salientou o «complicado das deliberacións para outorgar os premios, dado o altísimo nivel dos traballos presentados, podendo afirmar que estamos diante dunha das mellores edicións en canto a calidade dos beléns. A factura coa que se abordaron estes traballos, os materiais, a creatividade, o colorido e a cantidade de traballo que hai detrás de moitos dos beléns que concorren nesta edición fixeron especialmente difícil o labor do xurado».
Todos os traballos presentados se abordan dun xeito creativo que segue a sorprender edición tras edición, na elección dos encadres, nos materiais, na inspiración e no esforzo que se aprecia nos beléns presentados.