Afundación inaugura nas súas 7 sedes de Galicia ao mesmo tempo a exposición «Simultánea»
Unha única exposición con 7 sedes nas que poderán verse, en total, 350 obras de arte realizadas nos últimos 200 anos. Cada unha das sedes, situada nunha das sete cidades de Galicia, expón un grupo determinado de obras que foron agrupadas arredor dun eixe temático. Esa é a proposta do ambicioso proxecto expositivo «Simultánea», co que Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebra o seu décimo aniversario. A exposición, ou o que é o mesmo, as súas 7 sedes, abriron as súas portas este mércores, 9 de outubro, con outros tantos actos de presentación. «Simultánea» mostrará ao público as 350 obras, todas elas Ben de Interese Cultural de Galicia (BIC), ata o próximo 25 de xaneiro.
Tal e como lembrou durante a presentación de «Simultánea» o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, a iniciativa coa que a Obra Social de ABANCA celebra o seu décimo aniversario é «unha proposta dunha dimensión inédita e un dos proxectos expositivos máis ambiciosos de cuantos expuxéronse nos últimos anos. Deseñouse para celebrar con toda Galicia a riqueza dun patrimonio que lle pertence, a Colección de Arte Afundación, e que na Obra Social de ABANCA tutelamos e divulgamos desde a profesionalidade e a ética que require a xestión dun Ben de Interese Cultural (BIC)».
Nas 7 exposicións que poden verse ao mesmo tempo nas 7 sedes de Afundación en Galicia hai obra de creadores e creadoras como Colmeiro, Laxeiro, Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Xaime Quessada, Carlos Maside, Segura Torrella, Urbano Lugrís, Antón García Patiño, Victoria Diehl, María Corredoira, Luís Seoane, Elena Gago, Vari Caramés, Prego de Oliver, Antonio Murado, Castelao, María Antonia Dans, Serafín Avendaño, Pamen Pereira, Manolo Paz, Lodeiro, Acisclo Manzano, Huete, Ruibal, Almudena Fernández, Mario Granell, Tatiana Medal, Pamen Pereira, Manuel Vilariño, Antón Patiño, Antón Pulido, Jorge Barbi ou Din Matamoro, entre outros moitos nomes.
Sete eixes temáticos
Cada unha das exposicións propón unha mirada diferente á Colección de Arte Afundación, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse á creación artística de Galicia desde o século XIX ata a actualidade. A sede da Coruña céntrase no tema do retrato desde a súa perspectiva máis ampla: «Modo retrato». En Ferrol, e baixo o título «O obxecto contemporáneo e doméstico», poden contemplarse obras protagonizadas por obxectos cotiáns dotados dun cariz simbólico. As «Escenas de costa e mar dentro», dedicadas á representación do mar, expóñense en Lugo. E a sede de Afundación en Ourense, baixo o título «Espazo aberto e natureza», acolle outra interesante selección de creacións artísticas nas que a mirada do seu creador ou creadora se dirixe cara á contorna natural.
«Simultánea» mostra na sede da Obra Social de ABANCA en Pontevedra, baixo o título «Abstraccións e mensaxes cifradas» a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade da linguaxe abstracta en Galicia. Mentres tanto, o proxecto expositivo aborda en Vigo, baixo o título «Voar coa imaxinación», o mundo do onírico, a imaxinación e a fantasía como ingrediente principal da arte. Na sede de Afundación en Santiago poden verse obras que reflexionan sobre as relacións da cidade e a arte, os códigos da arquitectura rural e o urbanismo. Son as «Arquitecturas narradas».
Un proxecto inédito
Un equipo multidisciplinar, cunha importante presenza de profesionais de Afundación, traballou na construción destas sete miradas e na coordinación das máis de vinte empresas do sector cultural que participaron nos labores de conservación, deseño ou transporte, o que supuxo todo un desafío organizativo ao longo dos últimos dous anos.
O equipo de Afundación deseñou para esta ocasión un catálogo de actividades para escolares enfocadas ás diferentes idades, nas que a arte, a historia, a programación e a robótica, así como a creatividade e a sostibilidade son algúns dos ingredientes principais. Antes mesmo da súa inauguración, a Obra Social de ABANCA xa recibiu solicitudes de centros de ensino de toda Galicia para que máis de 7000 estudantes participen destas propostas educativas.
«Simultánea» é parte do programa Cultura por Alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso é libre, pero o público pode levar produtos non perecedoiros e depositalos nos contedores habilitados para tal fin nos accesos á exposición.
Imaxes da exposición, AQUÍ
Dosier do proxecto AQUÍ