Afundación entrega ao Banco de Alimentos Vigo-Pontevedra media tonelada en doazóns de «Cultura por alimentos»
30.03.2022. Afundación fixo entrega do recadado no marco de «Cultura por alimentos» que, grazas á solidariedade da cidadanía das áreas de Pontevedra e Vigo acadou a media tonelada de produtos, entre conservas vexetais e de peixe e aceites, esencialmente. No acto de entrega estiveron M.ª Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación e Apolinar Quinteiro, vicepresidente do Banco de Alimentos Provincial.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, no marco do seu fomento de propostas de acción social, puxo en marcha este ambicioso programa no que os eventos culturais desenvolvidos nos centros da entidade, e tamén naqueles espazos nos que se levan a cabo actividades de Afundación, animan á solidariedade. Mediante a colaboración cos Bancos de Alimentos locais, nas sedes da Obra Social de ABANCA habilitáronse contedores que serven como puntos de recollida dos alimentos que os visitantes das iniciativas culturais de Afundación queiran doar. Así, «Cultura por alimentos», apela á participación da cidadanía e responde ao chamamento solidario dos Bancos de Alimentos.
As imaxes do evento están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1q6tp9ALX8F27FLbJ6qqOXz7D7JQ5av38?usp=sharing
Esta iniciativa de contribuír cun alimento con motivo da participación nos eventos gratuítos de Afundación, esténdese, tamén, a outras actividades con entrada, nas que o pago é unha equivalencia en forma de alimentos. Así, na Coruña coa serie de concertos de «Butaca de jazz», a entrada foi a doazón do equivalente do prezo do pase en comida non perecedoira. De maneira gradual, súmanse todos os centros e sedes de Afundación, desde os de carácter sociocultural, ata os educativos e lúdico-formativos, desde IESIDE, ata as bibliotecas e espazos +60, así como as mostras desenvolvidas alén das sedes e centros da entidade, como as que se organizan no marco de «Corrente cultural» nas diferentes vilas galegas.
Este programa compleméntase cunha serie de accións de visibilización para favorecer a interacción do público e conseguir, deste modo, un impacto solidario de envergadura coa cultura como pano de fondo. De feito, os recipientes destinados para a recolección das doazóns son as propias caixas de madeira nas que se transportan as obras de arte, habilitadas para a ocasión.
As efemérides destacadas, como as conmemoracións do libro, o medio ambiente ou a infancia, contan tamén con propostas de intercambio específicos. Así, máis de mil exemplares das obras publicadas por Afundación poden ser adquiridos a cambio da doazón de alimentos. De igual maneira, Naturnova realiza actividades concretas baixo estas mesmas premisas.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.