Afundación entrega ao Banco de Alimentos unha tonelada e media de produtos non perecedoiros
Afundación fixo entrega das últimas doazóns recibidas no marco de «Cultura por alimentos», grazas á solidariedade da cidadanía da comarca de Pontevedra. No acto de entrega desta mañá na Sede Afundación Pontevedra, estiveron M.ª Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación; Iván Martínez, presidente da Fundación Provincial do Banco de Alimentos; e José Luis Doval, responsable da delegación en Pontevedra, e algunhas das persoas voluntarias que participan no programa. En total, a Obra Social de ABANCA recadou unha tonelada e media de produtos non perecedoiros procedentes da solidariedade das persoas usuarias das actividades de Afundación.
As imaxes do evento están dispoñibles aquí.
Neste sentido, María Teresa Cores sinalaba o compromiso de Afundación con este programa de impulso social dinamizado pola entidade e que complementa as máis diversas iniciativas que se desenvolven nas súas sedes. «Así, desde o ciclo musical de “Butaca de jazz”, na Coruña, a instalación de “Conserva” en Vigo, ou a propia de “This is pop!”, aquí en Pontevedra, son só algúns dos eventos nos que esta campaña conta cunha extraordinaria resposta do público». Iván Martínez, pola súa banda, incidiu na importancia de iniciativas como a de «Cultura por alimentos», que permiten visibilizar a necesidade da implicación social das institucións e das persoas, ao tempo que anima, tamén, a entender a arte e a cultura como mecanismos de transformación social.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, no marco do seu fomento de propostas de acción social, puxo en marcha este ambicioso programa en 2021. Mediante a colaboración cos Bancos de Alimentos locais, nas sedes da Obra Social de ABANCA habilitáronse contedores que serven como puntos de recollida dos alimentos que os visitantes das iniciativas culturais de Afundación queiran doar. Así, «Cultura por alimentos», apela á participación da cidadanía e responde ao chamamento solidario dos Bancos de Alimentos.