Afundación e a Confraría de Pescadores de Ferrol retiran do mar case oito toneladas de residuos
Coa descarga de máis de 1500 quilos realizada hoxe, Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol conseguiron retirar xa preto de sete toneladas de residuos mariños dos fondos nos que os pescadores realizan a súa actividade diaria. No marco do proxecto PLANCTON, impulsado pola Obra Social de ABANCA, en xuño de 2023 instalouse un contedor de 5 metros cúbicos de capacidade no porto de Ferrol, nas proximidades da lonxa, que se baleira periodicamente a medida que se vai enchendo de residuos.
Esta mañá realizouse a primeira descarga de 2024, en presenza do patrón maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, Gustavo Adolfo Chacartegui Pérez-Castrillón, en representación de todas as persoas que están a colaborar neste proxecto no que participan as embarcacións e tripulantes da confraría de Ferrol.
Ata o de agora recolléronse, fundamentalmente, restos de cabos, cordas, sedelas e redes enmarañadas, extraviados durante exercicio da pesca. Pero entre os aparellos de pesca, os tripulantes atopan tamén outros obxectos de orixe continental como toallas hixiénicas, botellas, plásticos ou calzado, entre outros. Ademais do seu tratamento por xestores especializados, unha parte das redes recuperadas foron recicladas e transformadas en pezas de tapicería artística da man da polifacética artista Mar Fraga na súa Enmalle Estudo, promovendo así a economía circular e dándolles unha nova vida útil.
Imaxes na seguinte ligazón.
Despois desta última recollida xa son máis de 57 toneladas de residuos retiradas polas persoas voluntarias participantes no proxecto PLANCTON, no que a implicación do colectivo de traballadoras e traballadores do mar conta cun papel moi relevante.
PLANCTON é parte da estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación, un proxecto que trata de promover entre todos os sectores sociais a actuación responsable para garantir os recursos existentes sen poñelos en risco para as futuras xeracións, en liña co compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de maneira especial cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.
Toda a información do proxecto PLANCTON aquí.