
Afundación convoca unha nova edición do seu tradicional Concurso de Beléns
Afundación, a Obra Social de ABANCA, convoca un ano máis o seu Concurso de Beléns, un referente na tradición cultural do Nadal en Galicia que este ano cumpre a súa edición número 59. As inscricións para participar pódense formalizar neste formulario e o prazo para facelo permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de novembro. Poderá participar calquera persoa ou colectivo, podendo presentar só un belén por cada inscrición. Para a elaboración das obras pódese utilizar calquera tipo de material e deberán montarse sobre unha superficie ríxida dun metro por cada lado.
Un xurado valorará cada belén prestando especial atención á confección das figuras, a composición do conxunto, a orixinalidade, a creatividade, a unidade de estilo, o grao de dificultade e a execución. Establécense dúas categorías de premios: unha categoría xeral, con tres premios e ata sete accésits; e unha categoría de beléns elaborados por colectivos integrados por persoas menores de 16 anos, con tres premios.
Todos os nacementos presentados ao concurso exporanse ao público na Sala de Exposicións I da Sede Afundación de Vigo do 29 de novembro ao 7 de xaneiro de 2025.