
Afundación convoca persoas voluntarias para participar no seu programa «Pedalear e conversar»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, convoca para o sábado 19 de outubro, de 10.30 a 13.00 h, unha xornada formativa para persoas que queiran participar como voluntarias no seu programa «Pedalear e conversar», dinamizado desde a área de Maiores da entidade. A iniciativa, que se enmarca no movemento internacional «En bici sen idade» iniciado en Dinamarca en 2012 e está presente en máis de 50 países, chegou a Galicia en 2021 da man de Afundación. As persoas interesadas poden reservar praza na web de Afundación.
Con dous triciclos eléctricos especialmente adaptados, «Pedalear e conversar» conta coa participación de voluntarios de Afundación e está aberto a todas as persoas con interese no mesmo. A incorporación como persoa voluntaria ao programa require unha formación previa e facer prácticas para o manexo do triciclo no que se desprazan as persoas participantes antes de realizar de forma autónoma estes paseos con persoas maiores.
«Pedalear e conversar» é un programa de acompañamento que permite gozar dunha experiencia gratificante conversando, compartindo historias e momentos agradables. Deste xeito, o obxectivo de Afundación ao promovelo é contribuír a combater a soidade non desexada, o illamento social e potenciar as relacións interxeracionais das persoas maiores con outros membros da súa comunidade local, gozando do espazo público da cidade.
«EN BICI SEN IDADE»
Por mor dunha experiencia persoal en Copenhague, Ole Kassow, o promotor deste movemento internacional, deuse conta, ao pasar por diante dun centro de persoas maiores, de que o uso da bicicleta podería serlle imposible, chegada unha idade. Así, Kassow resolveuse a defender o dereito «de sentir o vento na cara» sen importar as limitacións de idade. Con esta premisa, xurdiu este movemento no que se enmarca a iniciativa «Pedalear e conversar» de Afundación.
Imaxes da actividade na Coruña, dispoñibles aquí.