
Afundación conmemora o Día dos Museos ampliando o horario das súas salas de exposicións
20.05.2022. Afundación celebra o Día dos Museos, que tivo lugar o pasado 18 de maio, este sábado 21 de maio coa apertura de todas as súas salas de exposicións unha hora máis alá da hora habitual de peche. Así, as mostras de Naturnova e as sedes de Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e A Coruña permanecerán abertas ata as 21.30 h.
Todas as exposicións desenvolvidas nos espazos de Afundación enmárcanse na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita os visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar as mostras.
NATURNOVA
O seu principal obxectivo é estimular o coñecemento do mundo e a difusión da súa importancia, co fin de aprender a valoralo, respectalo e querelo. A visita ofrece a posibilidade de gozar de máis de 30 módulos relacionados coa ciencia, o medio ambiente e a sostibilidade, o espazo e o noso planeta Terra. Entre os módulos poderanse ver dinosaurios en realidade aumentada, crear paisaxes coa sandbox ou mesmo ver como se forma un tornado. Ademais de mergullar nos fondos mariños galegos dentro do simulador de submarino.
«LA PALMA. VOLCÁN Y VIDA» EN LA SEDE AFUNDACIÓN LUGO
Esta exposición ofrece, a través de 45 fotografías asinadas por Abián San Gil, unha narración en primeira persoa sobre como se viviu este fenómeno desde a illa da Palma para que, quen a visite, poida sentirse máis próximo á comunidade palmeira e aprender dos seus recursos emocionais, co obxectivo de «reforzarnos como unha sociedade máis humana, empática e solidaria», en palabras de Afundación.
A través desta mostra preséntanse as angustiosas instantáneas dos momentos iniciais, nun percorrido temporal que chega ata a colaboración indispensable das persoas voluntarias e a emotiva evacuación da poboación, e finaliza cunha sección dedicada á espectacular beleza natural dunha illa que, non en balde, se alcuma A Illa Bonita, coa espectacularidade das súas paisaxes e a riqueza do seu ceo nocturno polo que se converteu na primeira no mundo en obter a certificación como Reserva Starlight da UNESCO.
«INDÓMITAS. HISTORIAS QUE ABREN CAMIÑOS» EN SEDE AFUNDACIÓN FERROL
Cun traballo fotográfico e audiovisual asínano os recoñecidos autores Ofelia de Pablo e Javier Zurita, esta mostra audiovisual artéllase en torno a cinco indómitas do ámbito español, e sete do galego con historias moi diferentes tras de si: Paula Mouzo, percebeira de Camariñas; Laura Lorenzo, viticultora na Ribeira Sacra; Luisa Méndez, escaladora; Lula Goce, artista urbana e muralista; Tanxugueiras, grupo musical integrado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío; Nuria Bravo, pilota de helicópteros; Rocío Antela, mineira e enxeñeira de minas; Teresa Bedman, exiptóloga; Almudena Bernabeu, avogada especializada en dereitos humanos; e Alicia Sornosa, primeira española que deu a volta ao mundo en moto en solitario.
«O CAMIÑO ILUSTRADO. UNHA VIAXE PINTADA POR ALICIA ARADILLA» EN SEDE AFUNDACIÓN OURENSE
«O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla» recolle 60 acuarelas realizadas pola recoñecida ilustradora e autora de cadernos de viaxe que a día de hoxe conta con máis de 125 000 seguidores en Instagram. As ilustracións que conforman a mostra abordan o camiño cunha mirada nova, fresca e luminosa. Articulada en tres seccións fundamentais ―«O Camiño», «Os camiñantes» e «Compostela. A cidade e o seu patrón»―, e con textos explicativos do doutor en Historia e experto medievalista Feliciano Novoa, a mostra compleméntase cunha sección dedicada ao movemento sketch urban (debuxo do entorno natural e cotián a través de cidades, camiños e viaxes) do que Alicia Aradilla é un referente internacional.
«O NOSO PLANETA» EN SEDE AFUNDACIÓN PONTEVEDRA
A proposta da Obra Social de ABANCA consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial para todos os públicos, na cal a diversidade de formatos e a aprendizaxe son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos e sorprendentes, como unha recreación do fondo do mar polo que se poderá camiñar de xeito virtual na propia sala, unha curtametraxe animada, LEMON, producida pola Fundación Raíña Sofía e un audiovisual titulado «Que podo facer eu?» no que se aborda o coidado e o respecto polo ecosistema como unha tarefa tanto individual como colectiva, entre outras propostas novidosas.
«MIRAR DE NOVO. A MULLER CONTRA O TEMPO» NA SEDE AFUNDACIÓN A CORUÑA
Baixo o comisariado dos especialistas en arte David Barro e Diego Cascón Castro, coa colaboración e elaboración do texto analítico do catálogo da experta e crítica de arte Mónica Maneiro, esta mostra constitúe unha proposta de reformulación da tradicional mirada ao canon da historia da arte, centrando o foco en creadoras que, contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron recoñecemento amplo polo seu traballo. Nesta ocasión, e cumprindo cun dos eixes estratéxicos de Afundación a pol da difusión da cultura e do coñecemento, a Obra Social de ABANCA propón un novo enfoque que permita facernos conscientes da potencia, diversidade e interese que encerra a creación feminina no panorama artístico desde principios do século XX ata a actualidade.
«O PODER DA PALABRA. 40 ANOS DO PARLAMENTO DE GALICIA / 1981-2021» EN SEDE AFUNDACIÓN A CORUÑA
As imaxes que compoñen esa mostra destacan a vocación de acordos e a necesidade de entendemento entre posturas abertamente discordantes para acadar fins necesarios que permitisen unha cohesión social encamiñada a consolidar a convivencia en democracia. Desde as imaxes dos primeiros e convulsos anos, ata as épocas máis recentes, o público poderá contemplar, e lembrar, como a palabra, o instrumento comunicativo por antonomasia, é o piar da democracia.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.