
Afundación, co jazz galego máis internacional na terceira edición da súa «Butaca de jazz» na Coruña
Afundación continúa coa terceira edición de «Butaca de jazz» na súa Sede da Coruña. Enmarcado no programa solidario da Obra Social de ABANCA, «Cultura por alimentos», este ciclo musical acolle o mellor jazz galego con proxección internacional para o público que, reconvertendo a súa entrada tradicional polo equivalente en alimentos non perecedoiros acuda aos tres recitais previstos ata o mes de decembro. A reserva de entradas pode realizarse xa en Ataquilla.com. O segundo concerto correrá a cargo de Lucía Fumero Trío e terá lugar mañá, venres 25 de novembro, ás 20.30 h na Sede Afundación A Coruña.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Esta nova edición está encadrada no programa de «Cultura por alimentos», mediante o cal Afundación muda a entrada ordinaria aos eventos culturais por unha entrega solidaria de alimentos non perecedoiros que se poderán depositar nos colectores habilitados ao efecto e que logo serán distribuídos polos bancos de alimentos locais.
Esta terceira edición de «Butaca de jazz» segue mantendo o foco no jazz galego máis internacional, combinándoo con outras propostas de fóra de Galicia. Un ciclo de propostas persoais, no que o número tres devén no protagonista absoluto. Nesta terceira edición, preséntanse tres concertos de tres tríos de piano, contrabaixo e batería, poñendo de relevo as inmensas posibilidades alén da coincidencia instrumental. Tres proxectos con tres sons completamente diferenciados.
Lucia Fumero Trío: «Universo normal»
Lucia Fumero é pianista e cantante nacida en Barcelona, de raíces arxentinas e suízas. Empezou a estudar música clásica no Conservatorio Municipal de Barcelona, onde se titulou co Grao Profesional de Música en 2010. Despois viaxou a Países Baixos e, na Universidade de Música de Rotterdam, cursou un grao superior de música moderna especializada en músicas latinas. De volta en Barcelona, graduouse na Escola Superior de Música de Catalunya (ESMuC) dentro da especialidade de piano jazz. Recentemente foi galardoada co primeiro Premio de Juventudes Musicales de España en Jazz 2020 e é a flamante gañadora do Premio Artista emergente 2021 pola Plataforma Jazz España, premio que a levará a tocar polos destacados festivais de jazz da península.
Fumero combina a súa faceta de solista con colaboracións en proxectos diversos, de estilos distintos, e toca a miúdo coa nova xeración de músicos de Barcelona como Rita Payés, Nico Roig, Eva Fernández, Magalí Datzira, Pol Batlle, Martín Meléndez e Las Karamba, entre outros. «“Universo normal” es una puerta a mi imaginación. Por eso es normal. Y por eso es universo. Es un concepto que a la vez que inspira magia, algo enorme como es el universo, se concentra en aquello muy básico, de raíces, como la música folklórica».
Estilos diversos influenciaron á pianista, compositora e cantante Lucia Fumero. Na actualidade dedica a súa actividade principal a presentar o seu primeiro disco, Universo normal (Seed Jazz 001), un repertorio de música orixinal cheo de vitalidade e aire fresco. A base do seu universo nace no folklore e transfórmase a través da bagaxe que consolidou na clásica e o jazz. O resultado son cores únicas e singulares. Interesada tanto nas cancións con voz e letra como na música instrumental, Lucia Fumero exprésase cun ritmo marcado de carisma e personalidade á vez que impresionista, dous conceptos aparentemente opostos. Fumero acompáñase, tanto no disco como en directo, de dous músicos de alto nivel dentro da escena de jazz española: Martín Leiton ao contrabaixo e Juan Rodríguez Berbín á batería e percusións.