Afundación, comprometida coas persoas damnificadas a causa das graves inundacións ocasionadas pola DANA
Afundación, a Obra Social de ABANCA, súmase ás iniciativas de solidariedade que se están constatando desde numerosas organizacións de todos os puntos de España por mor da gravidade dos efectos ocasionados pola DANA. Neste primeiro momento, e a través do programa solidario «Cultura por alimentos», a entidade sociocultural galega destinará, ao longo do tempo que resulte necesario en función das necesidades detectadas, toda a recadación en produtos non perecedoiros aos bancos de alimentos das zonas prexudicadas e para quen se atope en situación de maior vulnerabilidade. Con esta vocación solidaria, Afundación anima a todas as persoas a participar neste chamamento e achegarse a calquera das sete sedes da entidade na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, onde poderán depositar os alimentos non perecedoiros nos contedores habilitados para o efecto.
Como en ocasións anteriores, Afundación traslada toda a súa solidariedade ás persoas prexudicadas e comprométese tanto na cooperación máis inmediata, como na necesaria para o medio e longo prazos, e, para iso, manterase atenta ao avance da situación para analizar as posibles accións que poida poñer en marcha. Este mesmo sistema de apoio foi o desenvolvido por mor da erupción do volcán Cumbre Vieja na illa de La Palma.
A implicación solidaria de Afundación en «Cultura por alimentos»
«Cultura por alimentos» é un programa dinamizado pola Obra Social de ABANCA que traslada, desde 2021, a idea de intercambio a todas as actividades culturais de Afundación. Co acceso a estas propostas, a modo de entrada solidaria, a entidade anima as persoas participantes a doaren produtos non perecedoiros que logo se trasladan aos bancos de alimentos locais para a súa distribución entre a poboación vulnerable. Este acordo coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) permitiu xa superar as 22 toneladas de produtos recadados ao longo dos tres anos de vida deste programa de innovación social.