
Afundación colabora con Cáritas no seu proxecto «Aprende a cociñar na Coruña»
08.04.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, colabora coa iniciativa solidaria de Cáritas, «Aprende a cociñar na Coruña». Este novo proxecto, consistente na emisión de vinte e seis capítulos nos que se conta coa participación de diferentes figuras dos ámbitos gastronómico, cultural, deportivo ou comunicativo de Galicia, poderase seguir a través de Afundación TV, todos os luns ás 18.00 h. Na entrega do luns 11 de abril estarán Déborah García Bello e Pablo Muñoz. Deste xeito, a Obra Social de ABANCA avanza na súa implicación social, que continúa vixente en programas como «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais.
As imaxes están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1Pe1614qPtkO4QSSTRd6CIHJUNs6lBUPY?usp=sharing
«Aprende a cociñar na Coruña» é unha proposta que incide na necesidade de contar cunha alimentación equilibrada, e economicamente accesible, que redunde no compromiso que Afundación, e neste caso a través da colaboración con Cáritas, adquiriu cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que, neste proxecto se identifica cos ODS 2, 3 e 10, relativos á erradicación da fame, a mellora da saúde e a redución das desigualdades.
Este proxecto de Cáritas, no que a coordinadora de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, participou coa elaboración dunha receita de produto local, conta, ademais coa publicación do receitario editado tras a gravación dos episodios e co que tamén colaborou Afundación. Nel recóllense os pratos cociñados por figuras tan populares como Pepe Solla, Déborah García Bello, Luis Iglesia, Antonio Vázquez Taín, María Cadaval, Fina Castro Graña, Inés Rey, Xulio López Valcárcel, Antonio Couceiro, Xoán Crujeiras ou Marta Brañas, entre outros moitos nomes destacados.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.