Afundación celebra en Vilagarcía de Arousa o seu programa «Música a flor de pel» que propón actuacións musicais en directo
Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo o seu proxecto «Música a flor de pel», un programa que leva microconcertos aos centros de educación especial de toda Galicia. Preto de 500 estudantes de 12 centros educativos de educación especial participarán nesta edición de «Música a flor de pel». A través de cancións e xogos, as nenas e nenos particpan activamente, contando incluso coa posibilidade de tocar instrumentos ou obxectos sonoros coas súas propias mans.
Mañá mércores 30 de outubro, ás 12.00 h, celebrarase no CEEPR Princesa Leticia de Vilagarcía de Arousa cun concerto a cargo da Fundación IgualArte, un espazo activo no que se traballa a arte con persoas con capacidades diferentes, entendendo que a arte é un dereito que nos pertence a todas e a todos, que leva parello a maxia de expresar, comunicar e transmitir. Participan en «Música a flor de pel» con tres propostas: a agrupación De t@pas, de música tradicional: a agrupación Lavanda, na que a música infantil é a base; e Música con Sentido, unha proposta sensorial na que o público experimenta cos sons, diferentes materiais e texturas.
Afundación pon en marcha este programa desde o coñecemento dos beneficios que a música en directo achega para a xestión das emocións, a diminución de medos e tensións, o desenvolvemento sensorial e perceptivo, o fomento da creatividade ou o reforzo da comunicación, entre outros. «Música a flor de pel» enmárcase, deste xeito, dentro do compromiso de Afundación, como obra social de ABANCA, coas artes e a cultura como motor de crecemento persoal, coa atención á diversidade, coa igualdade de oportunidades e coa sensibilidade social.