Afundación celebra en Monfero unha nova edición do seu proxecto interxeracional «Fálame da emigración»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebrou hoxe en Monfero unha nova edición do seu programa interxeracional «Fálame da emigración». Achegar ao alumnado de secundaria as experiencias das persoas maiores na emigración é o fío condutor deste proxecto, que está xa na súa VIII edición e no que participan estudantes de secundaria e bacharelato e persoas maiores voluntarias, socias dos Espazos +60 de Afundación. «Fálame da emigración», do mesmo xeito que o outro programa interxeracional de Afundación «Falamos da escola», desenvólvese en centros escolares situados nas localidades e a súa área de influencia nas que Afundación conta cun espazo +60: as sete principais cidades galegas e as poboacións de Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte de Lemos.
No encontro celebrado esta mañá no CPI Plurilingüe Virxe da Cela, seis persoas voluntarias do Espazo+60 Afundación de Pontedeume dialogaron na aula con estudantes sobre a experiencia dos maiores na emigración e a visión de ambos sobre o pasado e o presente dos movementos migratorios.
A partir do relato experiencial da emigración vivido en primeira persoa, doutros recursos didácticos proporcionados por Afundación (documentais, guías didácticas, etc.) e de traballos dos escolares sobre os seus vínculos familiares coa emigración, alumnado e maiores establecen un diálogo e reflexionan acerca das motivacións para emigrar, as dificultades, as aprendizaxes, as semellanzas da emigración das persoas maiores e a actual, un intercambio especialmente enriquecedor se hai alumnado inmigrante na aula.
O proxecto proporciona un marco de aprendizaxe non formal que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado, á vez que contribúe a establecer vínculos entre estudantes e maiores baseados na escoita, o respecto e o recoñecemento mutuo e a desmontar estereotipos por ambas as partes, en liña co modelo de educación transformadora promovido por Afundación. Doutra banda, seguindo a liña estratéxica de «O valor da experiencia» da Área de Maiores da entidade, o proxecto favorece que as persoas maiores se sintan escoitadas, útiles e que vexan recoñecida a súa contribución á comprensión dun capítulo esencial da nosa historia recente.
As historias de vida das persoas voluntarias e as imaxes do encontro de hoxe están dispoñibles nesta ligazón.
A DINÁMICA DO PROGRAMA
«Fálame da emigración» articúlase a través de dous encontros interxeracionais na aula, guiados conxuntamente polos docentes e persoal dos Espazos +60 de Afundación, aos que precede unha fase de preparación por parte do alumnado e das persoas maiores voluntarias. Entre ambos os encontros, o alumnado é convidado a investigar sobre a experiencia da súa familia na emigración para compartila no seguinte encontro e, deste xeito, establecer un vínculo máis profundo coas persoas maiores.
Co obxectivo de que o programa amplíe o seu alcance e teña un carácter colaborativo, Afundación traslada á súa páxina web todo o material didáctico do proxecto, o material documental que xorde de cada encontro (fotografías, vídeos, testemuños…) e o que achegarán os alumnos e alumnas dos centros escolares participantes sobre as historias na emigración dos seus familiares.