
UIE, Afundación e ABANCA sumanse á Alianza Galega polo clima
O reitor de UIE, presidente de Afundación e director xeral de RS, Sustentabilidade e Comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de sinatura da Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa impulsada desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia co fin de implicar ao tecido empresarial e social galego na loita contra o cambio climático. O evento contou coa presenza do presidente galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Ao sumarse a esta alianza, que se enmarca dentro da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, ABANCA, a súa Obra Social, Afundación, e a Universidade Intercontinental da Empresa unirán esforzos con toda a sociedade galega para protexer a contorna natural de Galicia e frear o quecemento global.
En concreto, as organizacións asinantes comprométense a realizar unha formulación ou avaliación dos impactos ambientais e climáticos derivados da súa actividade; establecer accións e medidas dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; promover e apoiar a cooperación e o intercambio, así como a desenvolver as liñas estratéxicas propostas cada ano dentro da Alianza do Clima.
Afundación, como entidade comprometida co medioambiente mide, xestiona e implementa medidas para reducir a pegada ambiental e propiciar, con iso, un consumo sostible dos recursos e un efecto positivo na saúde e o benestar. Dentro da súa dinamización de iniciativas sostibles e de voluntariado, e enfocada á protección da biodiversidade, Afundación e ABANCA impulsan PLANCTON, un novo programa multidisciplinar, posto en marcha en 2021, que permitiu xa a retirada de case 25 toneladas de residuos de areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia. Un proxecto ao que se suma a iniciativa para a plantación de árbores «Traballando pola mellora do patrimonio natural».
Así mesmo, os principios da responsabilidade social, o voluntariado e a sustentabilidade ecolóxica constitúen valores transversais de UIE, presentes tanto na programación académica como nas propostas extracurriculares desenvolvidas e que conduciron á institución para formar parte de iniciativas internacionais como Principles for Responsible Management Education (PRME), a Rede de Solucións para o Desenvolvemento Sostible ou a UNEP FI (United Nations Environment Programme Finance Initiative), sendo a primeira institución de ámbito universitario en Europa en adherirse a ela. En UIE a formación ética intégrase nos programas de grao, posgrao e en toda a carteira de educación executiva. Ademais, como institución asinante dos principios PRME de Nacións Unidas, a formación que se imparte potencia as capacidades dos estudantes para xerar sociedades máis inclusivas e unha economía global sostible.
ABANCA forma parte das principais iniciativas colectivas sectoriais promovidas a nivel nacional e internacional. Unirse a este novo espazo de encontro e intercambio de ideas para que sector público e privado traballen xuntos na procura de respostas aos desafíos do cambio climático supón un paso máis no seu compromiso coa sustentabilidade e a protección do medio ambiente, cuxos obxectivos concretos están plasmados no Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024. Entre as metas fixadas destacan dúas: alcanzar a neutralidade en carbono na actividade propia en 2024 e dispoñer dunha alternativa sostible para os principais produtos.