
Afundación, ABANCA e o Concello da Pobra de Trives presentan «Castelao grafista (facsímile)»
Afundación, ABANCA e o Concello da Pobra de Trives presentaron hoxe, na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor, o acto institucional de apertura de «Castelao grafista (facsímile)». Esta exposición está incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. A este evento acudiron Patricia Domínguez Barja, alcaldesa da Pobra de Trives; Cristina Paz Elías, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación e Cultura da Pobra de Trives; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
«Castelao grafista (facsímile)» permanecerá aberta ata o vindeiro 11 de febreiro e poderase visitar de luns a venres, de 10.00 a 13.30 h e de 16.30 a 18.30 h; sábados e festivos, de 11.00 a 14.00 h e de 16.30 a 18.30 h.
As imaxes están dispoñibles aquí.
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.
Esta mostra enmárcase no programa social «Cultura por alimentos», que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.