Afundación, ABANCA e o Concello da Guarda inauguraron hoxe a exposición «Castelao grafista (facsímile)»
O Concello da Guarda, ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA, inauguraron esta mañá, na Sala de Exposicións da Casa dos Alonso, a mostra «Castelao grafista (facsímile)». Ao acto asistiron o alcalde do Concello da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o coordinador institucional de ABANCA en Pontevedra, José Luis Romero Quiroga; Juan Jesús González Fernández, director da oficina de ABANCA na Guarda; e María Teresa Cores Fernández, coordinadora de Cultura de Afundación.
As imaxes están dispoñibles aquí.
A exposición «Castelao grafista (facsímile)» permanecerá aberta ata o 4 de outubro na Sala de Exposicións da Casa dos Alonso, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h.
Esta mostra está incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. Tamén se enmarca na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
A EXPOSICIÓN «CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE)»
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.