Afundación, ABANCA e o Concello de Cambre presentan, en colaboración con Lunwerg, «Berces de vida»
Afundación, a Obra Social de ABANCA, Lunwerg, o Concello de Cambre e ABANCA inauguraron hoxe a mostra «Berces de vida. De paseo polos bosques de España», comisariada polo premiado biólogo e divulgador Joaquín Araújo. No acto estiveron Mónica Varela Germade, concelleira de Cultura de Cambre; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador institucional de ABANCA en Coruña; e María Teresa Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación. Esta mostra está incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación.
«Berces de vida. De paseo polos bosques de España» permanecerá aberta ata o 13 de maio na Casa da Cultura Vila Concepción e poderase visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h e sábados de 10.00 a 14.00 h.
As imaxes do acto de presentación están dispoñibles na seguinte ligazón.
A exposición, articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta. Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente.
En palabras do comisario da exposición, «o bosque é o lugar onde a luz se converte en vida. É unha fábrica de claridade que traballa incesantemente para que todos respiremos. Non menos obvio resulta que case todas as civilizacións foron cimentadas sobre bosques. Ata unha parte do petróleo, do gas e todo o carbón que agora nos move era unha selva que tragou a terra hai millóns de anos. O bosque é o seu propio manancial e funda o seu propio clima». E, de feito, como tamén destaca Araújo, a propia palabra «humanidade» procede de «humus», imprescindible para a vida e completa creación do bosque.
Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.