ABANCA e Afundación presentan a terceira entrega de «Mulleres de mar», microrrelatos sobre a urxencia de coidar os océanos
23.06.2020. ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, presentan mañá, mércores 24 de xuño, a terceira entrega de «Mulleres de mar», protagonizado por Jenifer Suárez, pescadora, que ten como obxectivo mover conciencias sobre a urxencia de coidar o mar e os océanos. A iniciativa, que poderá verse en Afundación TV, enmárcase dentro do programa «Comprometidos co Medio e os Océanos», promovido por Afundación e ABANCA, que impulsa durante o mes de xuño actividades de diversa índole, enmarcadas ao redor da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente e do día Mundial dos Océanos.
As dúas entregas anteriores do documental estiveron centradas nas figuras de Rita Míguez, mariscadora e presidenta de ANMUPESCA, e Rosa Chapela, responsable da área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR Vigo. Entre as tres, polo tanto, quérese ofrecer unha completa e documentada visión da importancia dun medio marítimo coidado e sostible. Así, as tres profesionais abordan tanto as súas experiencias como profesionais do mar como a situación de fronte ao futuro desde a perspectiva de como podemos contribuír desde a sociedade no seu conxunto para preservar o medio ambiente adoptando condutas que axuden a reducir a contaminación dos océanos.
«MULLERES DE MAR»
Rosa Chapela Pérez está moi vinculada ao mar desde nena. O seu pai é mariñeiro e a súa nai mariscadora. En «Mulleres de mar» relata como, ao nacer, o seu pai a chamou «A miña nena do mar»: «Para nós o mar está no ADN, temos salitre e temos escamas. Cando acabei Dereito tiña claro que quería vincularme ao mar e cando o meu director de tese se sorprendeu porque elixira como tema o marisqueo, díxenlle “vou demostrar que é unha cousa grande, feita por mulleres grandes”». A hoxe coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca no CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), onde empezou en 2002, traballou como asesora xurídica na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia durante catro anos, participou na coordinación do Plan Estratéxico de Acuicultura Mariña Española (2010) e colaborou na redacción da Guía para selección de sitios de acuicultura da IUCN. Rosa Chapela resalta no seu relato como os océanos nos dan vida, proporcionando a metade do osíxeno que respiramos, «pero o máis importante son as persoas –remarca–, hai 3000 millóns de persoas cuxo sustento principal vén do mar, dos océanos e case 300 millóns de persoas empregadas no ámbito do mar a nivel mundial. Un 5 % do PIB mundial vén da pesca (…). Por iso é moi importante o consumo responsable, consumir peces que están a ser explotados dun modo sostible».
Rita Míguez de la Iglesia, presidenta da Asociación Nacional de Mujeres da Pesca (ANMUPESCA) desde a súa constitución en maio de 2016 ata a actualidade. Ademais, é integrante do Consello Galego da Pesca e participou en dous equipos de traballo dentro do proxecto de estratexia mariña Bluegrowth: pesca fresca e biotecnoloxía azul, liderado pola Autoridade Portuaria de Vigo. Mariscadora de profesión, Rita Míguez relata que cando coñeceu o mar sentiu que viña para quedar: «O meu contacto co mar veu porque quería conciliar, porque tiña nenos pequenos e quería pasar máis tempo con eles e cal foi a miña sorpresa que me namorei». Rita Míguez remarca que vivimos nun lugar privilexiado e, no seu relato, fai un chamamento á responsabilidade social e concienciación colectiva para garantir un futuro para os nosos mares: «Todo o que contaminamos en terra vai para o mar. Parece que o mar é moi grande, que non pasa nada, pero estamos a darnos conta de que moitas especies están a desaparecer, a ameixa fina a unha rapidez tremenda. Temos que facer máis como colectivo, como sociedade. Non pode ser que veña todo ao mar», salienta.
Jenifer Suárez Silva leva traballando no oficio de mariñeira desde o ano 2010, con 17 anos. Filla e neta de mariñeiros, Jenifer sempre tivo claro que o seu futuro estaba vinculado ao mar. Ela e a súa irmá creceron á beira dos aparellos que a súa nai e a súa tía, xunto cos seus avós, reparaban. Tamén, acompañando os seus pais ou o seu avó para pescar maragotas e luras. Cando manifestou a súa intención de dedicarse á pesca como profesión, na súa familia non pensaron que aquilo fose completamente en serio, pero a día de hoxe a súa decisión levouna a romper estereotipos de xénero, realizando tarefas do ámbito do mar tradicionalmente reservadas aos homes. No seu relato defende a importancia da pesca artesanal «que non vai esquilmar o mar. O principal é non tirar lixo ao mar –subliña–. Hai xente que pensa que, como o mar ten fondo, é un vertedoiro. Eu quero transmitir unha mensaxe aos cidadáns: que teñan sentido e empecen a coidar o medio. Aproveitemos para facelo mellor».
COMPROMETIDOS CO MEDIO AMBIENTE
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, desenvolven a través da súa actividade unha estratexia de sustentabilidade que promove un modelo que contribúa ao equilibrio económico, social e ambiental da súa contorna. Un compromiso os 365 días do ano para mellorar a sociedade e fomentar o desenvolvemento integral de todos os que somos parte dela.
ABANCA converteuse na primeira entidade financeira española en adherirse aos Principios para un Océano Sostible, unha iniciativa da Rede de Pacto Mundial de Nacións Unidas que constitúe un marco de boas prácticas comerciais responsables cos océanos, común para todo tipo de sectores empresariais e xeografías. O banco fai público este compromiso recoñecendo con iso a urxencia e a importancia de adoptar medidas a escala mundial que promovan o benestar do océano, co fin de conservar a súa riqueza na actualidade e o futuro.
A adhesión de ABANCA aos Principios para un Océano Sostible supón un paso máis no compromiso da entidade coa sostibilidade e a acción polo clima. En setembro de 2019, o banco converteuse nun dos signatarios fundadores dos Principios de Banca Responsable de UNEP- FI e asinou o Compromiso Colectivo para a Acción Climática. Ademais, o pasado 20 de maio foi a primeira entidade financeira española en adherirse aos Principios de Investimento Responsable de Nacións Unidas.
Así mesmo, a preocupación pola saúde dos océanos e o medio ambiente en xeral ten reflexo na acción social de ABANCA e Afundación. A través do seu programa de voluntariado corporativo «Traballando pola mellora do patrimonio natural», ambas as entidades intensificaron nos últimos meses as accións de limpeza en espazos costeiros galegos e bosques de especial interese ambiental, a reforestación dos montes ou a erradicación de especies invasoras.
Ademais, o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), da Obra Social ABANCA, foi a primeira institución de ámbito universitario en Europa integrada na UNEP FI ( United Nations Environment Programme Finance Initiative), en calidade de institución de soporte, para a dinamización da sostibilidade en todos aqueles contextos vinculados coas finanzas e o mercado nos que poidan ter impacto as accións de IESIDE: a formación, investigación e seguimento da actualidade dos mercados financeiros de forma que se garantan unhas finanzas sostibles.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA